A Consellería de Cultura e Educación pon en diálogo a ciencia e a cultura na Illa de San Simón a través de Neuromagic 2012
O encontro reunirá entre hoxe e o 10 de maio algúns dos mellores neurocientíficos e magos do mundo para reflexionaren sobre os procesos cognitivos da mente humana
O secretario xeral de Cultura afirmou que eventos coma este “contribúen a facer da Illa de San Simón un referente galego e internacional de pensamento e de reflexión no ámbito cultural”
Algunhas das sesións serán transmitidas por streaming para que o público xeral poida seguir a través de internet desenvolvemento do encontro
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en diálogo a ciencia e a cultura no encontro Neuromagic 2012. Os enganos da mente, unha iniciativa que congregará entre o 7 e o 10 de maio destacados especialistas da comunidade científica no ámbito da neurociencia e algúns dos mellores magos do mundo, co obxectivo de reflexionaren e intercambiaren coñecementos sobre os procesos cognitivos da mente humana.
Durante catro días, a Illa de San Simón será o escenario de Neuromagic, un encontro co que a Xunta contribúe a facer deste lugar “un referente galego e internacional de pensamento e de reflexión no ámbito cultural, entendido no sentido máis amplo”. Así o asegurou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante a presentación da iniciativa, na que tamén participaron o alcalde do municipio pontevedrés, Javier Bas, e a científica e coordinadora do encontro Susana Martínez-Conde.
Durante a rolda de prensa, o secretario xeral afirmou que o obxectivo prioritario do proxecto Illa do Pensamento é facer de San Simón un lugar de actividade cultural de prestixio, con capacidade para atraer artistas, persoeiros e institucións con relevancia internacional, que permitan difundir a cultura de Galicia e ao mesmo tempo aproveitar o intercambio coas tendencias e culturas doutros lugares.
Colaboracións internacionais
“Para consolidar o proxecto da Illa do Pensamento é preciso continuar a potenciar as colaboracións internacionais da Illa de San Simón, dixo o secretario xeral. Neste caso, Neuromagic xorde da colaboración entre a Consellería de Cultura e Educación, a través da Fundación Illa de San Simón, con The Neural Correlate Society. Con esta colaboración damos proba, unha vez máis, de que o traballo en rede é o xeito de traballar para conseguir resultados eficaces”, asegurou Anxo Lorenzo.
Os investigadores Susana Martínez-Conde e Stephen Macknik dirixen The Neural Correlate Society. Estes dous neurocientíficos cognitivos, que se encontran entre os máis importantes do mundo, son os coordinadores da segunda edición do encontro. As investigacións do seu equipo céntranse nas bases neuronais da experiencia visual e o estudo do nexo entre ilusións e realidade na fronteira entre arte e ciencia. Este é precisamente o fío condutor do encontro, no que a maxia se presenta como unha ferramenta para os neurocientíficos na procura de resposta á cuestión de como se crea no cerebro a consciencia e a cognición.
Programa científico
Neuromagic 2012 estrutúrase a partir de diversos debates liderados por un científico e un mago. O programa complétase coas intervencións dos ilusionistas, que serán analizadas polos expertos nos mecanismos da atención. Tras os coloquios, relatorios e intervencións celebrarase un debate de conclusións para pechar o encontro cun documento que recolla as cuestións fundamentais analizadas no transcurso das sesións.
Algunhas delas serán transmitidas por streaming, de xeito que o público xeral poida seguir a través de San Simón TV o transcurso do encontro. Esta emisión en tempo real por internet das actividades da Illa, segundo explicou Anxo Lorenxo, “é unha aposta consciente para que as actividades acaden a máxima difusión social”.
Recoñecidos científicos e ilusionistas
Os profesionais encargados de achegar os científicos ao mundo da maxia serán Kiko Pastur, Miguel Ángel Gea, James Randi, Ava Do, Apollo Robins, D.J. Grothe e Chris Kenner. O ámbito da neurociencia estará representado por Susana Martínez-Conde, Stephen Macknik, Mel Slater, Jed Elison, Flip Phillips, Beatrice de Gelder, Luis Martínez Otero e Amir Raz.
O encontro tamén espertou o interese de revistas científicas de prestixio, como é o caso de Scientific American, cuxa redactora xefe, Mariette di Christina, tamén participará na iniciativa, xunto con Antonio Martínez Ron, de Amazings; e Javier Peláez, de Quo e Amazings.