A Consellería de Cultura e Educación e a televisión pública galega levan a obra de Paz-Andrade a todos os fogares de Galicia a través de poemas audiovisuais

A Secretaría Xeral de Cultura promove esta iniciativa, elaborada a partir dunha imaxe poética que acompaña algúns dos versos máis significativos do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012

As pezas audiovisuais emitiranse a partir do vindeiro luns e durante o mes de maio na Televisión de Galicia

Anxo Lorenzo e Rosa Vilas presentaron esta mañá a iniciativa, que ten como obxectivo contribuír á descuberta da produción poética do autor entre a cidadanía

A programación de actividades que promove a Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2012 pode consultarse en http://cultura.xunta.es/

Ven, 04/05/2012 - 16:30
A Consellería de Cultura e Educación e a televisión pública galega levan a obra
A Consellería de Cultura e Educación e a televisión pública galega levan a obra

A obra de Valentín Paz-Andrade chega aos fogares de toda Galicia a través de poemas audiovisuais que se emitirán a partir do vindeiro luns e durante o mes de maio na televisión pública autonómica. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, promove esta iniciativa, que ten como obxectivo dar a coñecer entre a cidadanía a produción poética do escritor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2012.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora-xerente da Televisión de Galicia, Rosa Vilas, presentaron hoxe as pezas audiovisuais, que están construídas sobre algúns dos versos máis significativos de Valentín Paz-Andrade. Trátase dun total de 6 pezas breves e mais unha versión máis ampla na que se inclúe todo o conxunto. “Con estas propostas visuais de carácter suxestivo, elaboradas a partir dunha imaxe poética que acompaña os versos, esperamos contribuír a espertar entre os espectadores o interese por achegarse á poesía do autor”, explicou Anxo Lorenzo.

O responsable de Cultura afirmou que, para boa parte da poboación, Paz-Andrade é, probablemente, “un nome coñecido pola súa vinculación con proxectos empresariais de grande envergadura, pero seguramente os seus versos van ser para moitos unha descuberta que se produza este ano”. “Desde a Secretaría Xeral de Cultura –engadiu– queremos contribuír a esa descuberta masiva da súa obra poética, que é certamente interesante e de gran beleza”.

Difusión da poesía en formatos televisivos

Anxo Lorenzo tamén quixo destacar a importancia de “abrir estes pequenos ocos á poesía desde os medios de comunicación públicos”, polo que lle agradeceu á Televisión de Galicia a súa colaboración na iniciativa. Ao fío disto, asegurou que “desde a secretaría xeral compartimos a idea de incorporar estas pílulas poéticas, de breve duración, para que a proposta cultural non se produza só en formatos para públicos específicos xa interesados na produción literaria, senón para convertela nunha proposta que chegue ao conxunto da poboación nas formas televisivas de consumo habitual, case en formato de anuncio”. 

Festexo colectivo arredor da lingua e da literatura galegas

Os poemas audiovisuais sobre os versos de Paz-Andrade, que foron realizados por Algarabía Animación, enmárcanse no programa de actividades co que a Xunta de Galicia contribúe coa conmemoración do Día das Letras Galegas 2012 e que pode consultarse no sitio web http://cultura.xunta.es/.

Entre estas iniciativas tamén se inclúen unha exposición itinerante sobre a vida e a obra do autor, que está a percorrer diversos centros educativos de toda Galicia; a edición de obras conmemorativas, como a biografía do escritor para nenos e mozos publicada na colección Merlín de Edicións Xerais de Galicia e a edición facsimilar de Galicia como tarea, presentada o pasado 23 de abril con motivo do Día Internacional do Libro; ou a páxina web oficial do autor, con imaxes, fotografías e información inédita sobre Paz-Andrade.

Poemas audiovisuais

Menús News node R