Xesús Vázquez Abad inaugura na Estrada as exposicións ‘Querido Balbino, 1961-2011’ e ‘Balbino volve á escola’

O conselleiro de Cultura e Educación participou hoxe na inauguración destas dúas exposición temáticas sobre a figura do protagonista de ‘Memorias dun neno labrego’, a obra máis lida da literatura galega

Na súa intervención, Vázquez Abad destacou que ‘foron milleiros os nenos e as nenas que, durante estes cincuenta anos de vida do neno Balbino, aprenderon a ler e a amar a lectura coas súas Memorias’

Xov, 03/05/2012 - 21:30

O Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inaugurou este serán no Museo da Madeira e do Moble da Estrada (MOME) as exposicións ‘Querido Balbino, 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego’ e ‘Balbino volve á escola’. No acto, que tivo lugar no MOME, participaron, canda Vázquez Abad; José López Campos, alcalde da Estrada; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística; o escritor Xosé Neira Vilas e o director do MOME, Xosé Luna.

Durante a súa intervención, Xesús Vázquez puxo de relevo que “as mostras que hoxe presentamos procuran reactivar a motivación para ler entre todos os públicos” e que ademais “dar novas razóns para procurar un libro e achegarnos á nosa literatura, o lugar no que, sen dúbida, atopamos as mellores historias da nosa historia”.

Así, as dúas exposicións, que achegan ao espectador unha das figuras máis senlleiras da literatura galega de todos os tempos e o seu autor, poderán visitarse no MOME da Estrada desde hoxe e ata o vindeiro mércores día 9 de maio, en horario de mañá e de tarde.

‘Balbino volve á escola’

Dende o ano 1992, Xosé Neira Vilas e a súa compañeira, Anisia Miranda, percorreron numerosos centros de ensino –colexios e institutos- para encontrarse co alumnado e falar da experiencia como escritor del e, en especial, da súa obra Memorias dun neno labrego.

Nestes encontros, os alumnas e alumnos dos centros de educación primaria e secundaria entregáronlle álbums con centos de debuxos de Balbino, o personaxe principal desta obra. A maiores, tamén lle entregaron cartas nas que os rapaces escribían acerca de Balbino e das súas experiencias vitais relatadas no libro, así como outras cartas dirixidas ao propio escritor.

A exposición ‘Balbino volve á escola’, está conformada por algúns destes debuxos e cartas escolares que Neira Vilas recompilou durante case 20 anos, nas súas visitas a 35 colexios e institutos de toda Galicia.

‘Querido Balbino, 1961-2011. Cincuenta anos de Memorias dun neno labrego’

A exposición ‘Querido Balbino, 1961-2011. Memorias dun neno labrego’ é o proxecto co que a consellería que dirixe Xesús Vázquez quere renderlle o seu propio homenaxe a un escritor tan sumamente recoñecido na literatura galega como é Xosé Neira Vilas, logo do 50 aniversario das súas Memorias dun neno labrego, obra publicada por primeira vez en Bos Aires no ano 1961.

Con ela, a Consellería de Cultura e Educación quere tamén homenaxear a propia obra, que constitúe a máis lida da historia da literatura galega, así como a máis traducida a outros idiomas. Logo se estar, na actualidade, dispoñible en 16 linguas, estarao tamén proximamente en xaponés. Entre as numerosas adaptacións teatrais que se fixeron dela ao longo dos anos, destaca unha representación en México, no Iucatán, primeiro en castelán e posteriormente en maia, na que Balbino se presentou como un neno indio.

A mostra articúlase en torno a dous eixos que guían o espectador a través dun túnel de vitrinas. Dunha banda, preséntase a traxectoria vital do escritor a partir de fotografías, documentos e correspondencia que serven para marcar diferentes momentos da súa biografía. Doutra banda, amósase diverso material referido á traxectoria seguida polo libro. A exposición lembra as edicións, adaptacións teatrais e audiovisuais inspiradas na obra e conta cunha sala onde se proxecta un documental sobre Balbino, o seu protagonista.