Cultura e Educación convida a gozar este sábado dunha intervención sonora de Mercedes Peón no Museo de Galicia

Este 5 de maio, ás 12 horas, Mercedes Peón instalarase como obra escultórica nunha parte do Museo xunto a Manuel Alonso, Manuel Cebrián e Ana García

A intervención, que xorde a partir de escoitas individuais da obra SÓS, conta coa colaboración do escultor Suso Basterrechea e a complicidade de Ovidio Aldegunde

Xov, 03/05/2012 - 17:46
Cultura e Educación convida a gozar este sábado dunha intervención sonora de Mer
Cultura e Educación convida a gozar este sábado dunha intervención sonora de Mercedes Peón no Museo de Galicia

Arquitectura, música e arte. Esta é proposta coa que este sábado a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a descubrir o Museo de Galicia na Cidade da Cultura. Seguindo a proposta de Mercedes Peón, unha das artistas galegas máis carismáticas do circuíto da world music actual, o visitante que se achegue ao Museo de Galicia a partir das 12:00 horas poderá vivir unha experiencia única e irrepetible.

Intriga, tránsito e o efémero. Esta será a fórmula empregada por Mercedes Peón na súa obra sonora, unhafuxida conceptual da mera exhibición. A artista instalarase como obra escultórica nunha parte do Museo, sen intervir sonoramente no espazo. Mentres, a proposta xorde a partir de escoitas individuais a través das que as persoas que se acheguen á Cidade da Cultura gocen dunha experiencia sonora a través da obra SÓS sen perder nunca de vista a magnitude da arquitectura dun dos edificios máis espectaculares do complexo do Gaiás grazas a unha fachada acristalada que cae sobre a zona vella de Compostela, os case 43 metrosde altura e os seus máis de 16.000 m2de superficie.

Con esta actuación, de entrada libre e de balde, Cultura e Educación pon, unha vez máis, este espazo arquitectónico ao servizo dos creadores, converténdoo coas súas intervencións –xa sexan sonoras, plásticas ou conceptuais- nun lugar para reflexión, para a inspiración e, sobre todo, para o diálogo entre as artes.

Artistas colaboradores

Concebida como un diálogo entre diferentes artes, esta intervención sonora conta coa colaboración do escultor Suso Basterrechea, quen aporta unha instalación minimalista, chea de tensión e frialdade estática con só movementos naturais provocados pola propia física e pola orixinalidade do seu pensamento. A el súmase a complicidade de Ovidio Aldegunde e da banda que acompañará a Mercedes Peón, composta por Manuel Alonso, Manuel Cebrián e Ana García.

Unha proposta única pensada para provocar itinerancia en busca da instalación musical. Cincuenta minutos de interrelación entre obras que se ofrecen simultáneas e con vida propia.

Asistencia 30 minutos antes

A todos aqueles que desexen ser partícipes desta experiencia única recoméndaselle achegarse ao Museo unha media hora antes de que comece a intervención (ao redor das 11:30 horas), cando comezarán a repartirse os auriculares necesarios para seguir a obra. 

Todos aqueles que queiran descubrir esta nova obra de Mercedes Peón e non poidan subir ás 12:00 poderán gozar dela durante a fin de semana, xa a proposta sonora e audiovisual de Mercedes Peón permanecerá no Museo nos seus horarios habituais (10:00 a 14:00  e de 16:00 a 20:00) xa sen a presenza da artista pero proporcionándolle ao visitante unha visión diferente e enriquecedora da arquitectura de Eisenman.

Menús News node R

Tema