Xunta e USC poñen en marcha un polo creativo na Facultade de Ciencias da Educación que contribuirá a unha mellor formación dos futuros docentes
O conselleiro de Educación e o reitor compostelán inauguran unha aula tecnolóxica impulsada polo Goberno galego que xa funciona nos colexios e institutos
Trátase de espazos educativos innovadores dotados de equipamento especializado, para fomentar as competencias STEM e as vocacións científico-matemáticas
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, inauguraron este venres un Polo Creativo na Facultade de Ciencias da Educación. Trátase dun espazo tecnolóxico de formación co que xa contan os colexios e institutos galegos grazas a unha iniciativa da Xunta.
Román Rodríguez destacou que este polo “contribuirá á mellor formación dos estudantes de hoxe e futuros docentes de mañá ante os retos da sociedade do século XXI”, sobre todo vencellados aos coñecementos matemáticos e ás competencias científico-técnicas.
O Polo Creativo, dirixido especificamente ao alumnado de Grao en Maxisterio e ao Máster de Educación en Secundaria, é o primeiro deste tipo instalado nunha universidade e a previsión é dotar tamén ao resto das facultades de Educación da nosa Comunidade situadas na Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Cómprese desta maneira cunha das premisas do Goberno autonómico, que quere abrir estes espazos, inicialmente pensados para os centros escolares, ao conxunto da comunidade educativa e da contorna, de tal forma que funcionen como núcleos dinamizadores deste ensino de vangarda.
Máis de 1.200 polos
Os Polos Creativos son espazos innovadores dotados de equipamento especializado para fomentar as competencias STEM e as vocacións científico matemáticas entre os máis novos. Neles trabállase a creatividade a través da superación de retos tecnolóxicos e dixitais, a resolución de problemas ou a construción de prototipos, entre outros. Toda a actividade realízase en equipo, o que tamén fomenta a convivencia entre o alumnado. Na actualidade máis de 1.200 centros contan con este servizo cun investimento de 18,7M€.
A súa dotación tecnolóxica permite afondar en temáticas como a intelixencia artificial e outras tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual e a impresión 3D, as tecnoloxías de control computerizado e fabricación aditiva, o mecanizado de materiais, a electromecánica, a robótica e os microcontroladores.
Polo da Facultade de Ciencias da Educación
No caso do Polo Creativo da Facultade de Ciencias da Educación da USC, a Consellería achega unha dotación completa de equipamento tanto para Primaria como para Secundaria por un valor de 30.000 euros, ao tempo que se encarga da formación do profesorado para sacarlle o máximo rendemento educativo ao material dispoñible.
Pola súa parte, a Universidade compostelá encargouse de reformar o espazo físico onde se instalou o Polo, unha zona acondicionada de acordo coas directrices do Plan de nova arquitectura pedagóxica da Xunta para as infraestruturas educativas.