Román Rodríguez subliña o compromiso da Cámara de Comercio da Coruña coa Formación Profesional

O conselleiro e o presidente da entidade clausuran o curso nos programas EduInspira e EduIndustria que promoven o emprendemento entre máis de 1.000 estudantes

Ven, 23/05/2025 - 15:04
EduInspira

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, participaron hoxe na clausura dos programas de emprendemento EduInspira e EduIndustria, impulsados por esta entidade e a Xunta de Galicia e nos que xa teñen participado máis de 1.000 estudantes de máis de 35 centros educativos.

O titular do departamento educativo do Goberno galego destacou a implicación da Cámara de Comercio da Coruña co ensino para ampliar a formación da mocidade da nosa Comunidade. “Levamos case un lustro impulsando estes dous programas no ámbito da FP con grande éxito e acabamos de organizar conxuntamente unha nova iniciativa, a I Feira da Educación, Formación e Emprego”, sinalou o conselleiro.

Igualmente, Román Rodríguez agradeceu ás máis de 90 persoas que contribuíron “a achegar a realidade do mundo laboral aos estudantes de FP desde o punto de vista dos emprendedores”, algo posible grazas ao Plan Eduemprende e á rede de viveiros de empresa nos centros. Precisamente, no acto celebrado no Centro Integrado de FP Someso participou tamén Patricio Erhardt, CEO de Erhardt Logistic, empresa de transporte, loxística internacional, cadea de subministración e almacenamento.

Charlas motivadoras

Nado no curso 2021/22, EduInspira consiste na organización de charlas motivadoras nos centros educativos por parte de profesionais sobre a súa experiencia. Para iso, a Cámara de Comercio da Coruña convida a persoas emprendedoras de distintos sectores, de xeio que tanto profesorado como alumnado coñezan de primeira man a súa realidade.

Pola súa banda, EduIndustria sirve desde o curso 2023/24 para que o alumnado aprenda a emprender e vexa nesta saída profesional unha opción de futuro. A través do xogo Desafío Industria, pode descubrir os pasos para converter unha idea nun negocio.