A Xunta ampliará os talleres de FP do IES de Curtis, o que eleva o investimento neste instituto a máis de 2 M€
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visita o centro para presentar a nova actuación, que se licitará en xullo coa previsión de comezar a finais de ano
Esta intervención, cun investimento de 1,2 M€ por parte do Goberno autonómico, súmase á rehabilitación integral acometida en 2023 por case 1 M€
Construirase unha nova nave para talleres de mecánica de máis de 362 m² e mellorarase a eficiencia enerxética e confort da existente, entre outras medidas
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, presentou hoxe o proxecto de ampliación e reforma do Instituto IES de Curtis, que a Xunta iniciará este ano cun investimento de 1,2 M€. Esta obra sumarase á rehabilitación integral acometida en 2023, na que tamén se investiu preto de 1 M€. Deste xeito, o Goberno galego está a dedicar máis de 2 M€ a mellorar este centro.
O titular de Educación da Xunta, que estivo acompañado pola directora xeral de FP, Eugenia Pérez, explicou que a nova intervención ten un dobre obxectivo: ampliar os espazos do centro para a FP, dando así oportunidades de futuro á mocidade da comarca, ao tempo que se mellora a eficiencia enerxética do edificio. “As obras enmárcanse no Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que estamos a modernizar as instalacións dos centros, adecuándoas ás necesidades do ensino do século XXI”, salientou.
A previsión é licitar a obra en xullo e comezala no últimos trimestre do ano, unha vez completados os trámites administrativos. Ten un prazo de execución de 12 meses, polo que a previsión sería rematar a finais de 2026. Esta ampla intervención non é a única realizada pola Consellería en Curtis, que xa ten investidos 220.000 con colexio.
Novos talleres de 363 m²
No que atinxe aos espazos de FP, demolerase a nave máis pequena de talleres de mecánica, situada ao fondo da parcela, para construír unha nova máis grande, de case 363 m², o que permitirá unha distribución máis axeitada e eficiente dos espazos, ademais de gañar altura. A envolvente do volume realizarase en dobre folla de ladrillo cerámico con illamento interior e completarase cun sistema de illamento térmico polo exterior, garantindo a integración co resto das edificacións e mellorando a eficiencia e o confort dos usuarios. As cubertas serán de panel metálico sándwich e policarbonato celular.
A nova nave estará anexa ao muro de contención de terras das pistas deportivas e accederase a ela mediante unha rampla de acceso na parte posterior, para aproveitar o espazo e mellorar así o fluxo circulatorio. Estará dotada de dous aseos e vestiarios adaptados, cabina de lacado, almacén e zona de taller.
A maiores, rehabilitarase o outro taller de mecánica, situado a carón do resto dos edificios do centro. En concreto, colocaranse novas placas de falso teito de paneis sándwich, que melloran a seguridade e o illamento térmico e acústico, e colocaranse novas fiestras de aluminio en substitución dos lucernarios actuais, co que entrará máis luz natural. No exterior renovaranse as carpinterías e colocarase un sistema de illamento térmico.
Case 600 novas luminarias e cambio das caldeiras
A obra completarase con diversas intervencións no edificio principal como a substitución da iluminación convencional por 598 unidades LED en prol do aforro enerxético e dun mellor control da súa intensidade en función das necesidades de cada espazo. Tamén se reconfigurarán espazos na terceira planta para crear unha nova aula de plástica.
A maiores, cambiaranse as caldeiras de gasóleo por unhas de biomasa, reducindo a pegada ecolóxica do centro. Instalaranse no almacén existente no extremo esquerdo do edificio, adaptando a súa estrutura, e abastecerán o edificio principal, os talleres e o ximnasio cun sistema de calefacción centralizado e eficiente.