A Xunta pon en valor a súa aposta pola cadea mar industria e o impulso ao seu crecemento a través da FP
Os conselleiros de Educación e do Mar reúnense con máis de 200 representantes do sector para reforzar a oferta de ciclos formativos no marco do Plan Conecta
Máis de 2.200 estudantes, máis do triple ca no curso 2012/13, cursan ciclos e másteres de FP relacionadas co sector
Ata seis titulacións destas familias profesionais contan cunha empregabilidade superior ao 90%, dúas delas con plena inserción laboral
Os conselleiros de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e do Mar, Alfonso Villares, participaron hoxe na clausura do encontro sectorial do Plan Conecta FP para a cadea mar industria. No seu transcurso, os representantes da Xunta destacaron a aposta do Goberno galego por este sector produtivo e as políticas que se están a desenvolver para impulsar o seu crecemento.
O encontro reuniu en Vigo 200 persoas entre representantes das principais empresas, equipos directivos e profesorado de centros que imparten ciclos relacionados con esta industria. No acto participou tamén a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a directora xeral de FP, Eugenia Pérez.
O conselleiro de Educación destacou que o seu departamento está a traballar, a través do Plan Conecta FP, para dar resposta ao tecido produtivo, “incrementando o número de prazas en ciclos e másteres de FP, de tal forma que as empresas poidan acceder a traballadores da maior cualificación”, garantido o relevo xeracional. Neste sentido, destacou o desafío que supón atender as necesidades dun sector tan complexo como a cadea mar industria “que abrangue tres familias profesionais, nas que multiplicamos as prazas por case catro desde 2012/13”.
Román Rodríguez quixo tamén poñer en valor o traballo que se está a facer desde a ciencia para o crecemento deste sector. “Unha área que tamén estamos a reforzar a través do Plan de investigación e innovación 2025-2027, que ten entre os seus obxectivos principais a transferencia dos resultados da ciencia aos sectores produtivos para mellorar a súa competitividade”, salientou.
Pola súa banda, o conselleiro do Mar sinalou que o seu departamento inviste este ano 12,3 millóns de euros en formación náutico-pesqueira co obxectivo de afondar na competitividade do sector a medio e longo prazo. Unha acción formativa sustentada na capacitación e a experimentación práctica e en dotar das adecuadas atribucións, competencias e aptitudes aos futuros profesionais do mar.
O responsable autonómico subliñou que é esencial adaptar a actividade docente ás necesidades actuais do sector para enfrontar con éxito a necesaria remuda xeracional. Unha tarefa que aglutina os intereses da xuventude que aposta por este tipo de formación para iniciar a súa vida laboral, a experiencia da comunidade educativa e as necesidades da industria do mar, que ve nestes futuros profesionais o futuro da súa propia historia.
78 ciclos e másteres de FP
A oferta formativa relacionada coa cadea mar industria distribúese en tres familias profesionais: Industrias alimentarias, Marítimo-pesqueira e Instalación e mantemento. Son un total de 78 ciclos e másteres de FP, que se imparten en 30 centros educativos.
Un total de 2.209 estudantes están matriculados este ano nestas ensinanzas, o que supón máis que triplicar os 671 que as cursaban no 2012/13. O número de prazas en primeiro curso multiplicouse por catro no mesmo período: das 509 daquel curso ás 1.853 ofertadas no actual.
Cómpre destacar tamén a gran empregabilidade destas ensinanzas, con seis delas superando o 90% de inserción laboral. Dous ciclos, o de Desenvolvemento de proxectos de instalación térmicas e de fluídos e o de Instalacións frigoríficas e de climatización, rexistran incluso pleno emprego entre os seus titulados.
Relatorios e mesas redondas
O encontro, que se celebrou hoxe no Centro Integrado Manuel Antonio de Vigo, incluíu relatorios arredor das posibilidades da FP como vía de capacitación no sector da cadea mar industria así como dúas mesas redondas, nas que se aborda a acreditación de competencias e formación de persoas traballadores no mercado laboral futuro, así como a colaboración coas empresas na FP Dual Intensiva.
Contaron coa participación de representantes da Federación galega de redeiras artesás O Peirao, da cooperativa ARVI e das empresas FRINORSA, CONGALSA, ANFACO e ARRIGORRI. Asemade, interviñeron os directores dos centros integrados de FP Manuel Antonio e Universidade Laboral, Iván e Iglesias e Ricardo Baamonde, e un alumno do ciclo superior de FP Dual Intensiva en Procesos e calidade na industria alimentaria, Dylan Solomon.