Román Rodríguez pon a experiencia de Galicia ao servizo dun acordo estatal para o deseño dunha nova carreira profesional docente que prestixie a profesión

O conselleiro de Educación abre o I Congreso Nacional de Boas Prácticas na Formación Docente que congrega en Santiago unhas 500 persoas de todas as comunidades autónomas e seis países

Sinala que é prioritario acadar un consenso sobre competencias principais que debe adquirir un profesor para atender aos alumnos e, deste xeito, blindar a calidade

Xov, 22/05/2025 - 18:34
I Congreso Nacional de Boas Prácticas na Formación Docente

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, abriu esta mañá o I Congreso Nacional de Boas Prácticas na Formación Docente, onde puxo de manifesto a importancia “clave” da formación do profesorado para “apuntalar un ensino de calidade, igualitario e equitativo”.

Neste senso lembrou que Galicia “abandeira” o deseño dunha nova carreira profesional docente que estea en disposición de dar resposta aos desafíos educativos de presente e de futuro, que se centran sobre todo na inclusión, na atención á diversidade, na irrupción das novas tecnoloxías e nos retos demográficos.

Ante un auditorio de preto de 500 participantes procedentes de todas as comunidades autónomas e seis países entre responsables e asesores de formación e representantes institucionais, o titular de Educación reivindicou como “prioritario” reformular o acceso á profesión docente desde un acordo dialogado a nivel estatal entre o Estado e as comunidades autónomas.

O traballo de Galicia como punto de partida

A este respecto, explicou que Galicia conta cunha experiencia previa e un “traballo rigoroso” emprendido hai década da man das facultades de Educación e actualizado en 2023, que a Xunta puxo a disposición do Ministerio como “un punto de partida”. “Debemos chegar a un consenso sobre as competencias principais que debe adquirir un profesor para atender aos seus alumnos na aula”, subliñou o conselleiro, que tamén fixo fincapé na “necesaria renovación” do sistema de acceso para “captar os mellores profesionais”.

Precisamente este congreso, organizado á proposta do Goberno galego en traballo conxunto co Ministerio de Educación, preséntase como unha oportunidade para repensar e fortalecer a formación permanente do profesorado a través do debate de ideas, modelos e experiencias de todas as redes de formación de España.

O foro, o primeiro deste tipo que se organiza a nivel estatal, busca destacar o papel esencial da formación continua na mellora do ensino e na actualización dos profesionais da educación. Así, ao longo das xornadas de hoxe e mañá desenvólvese un amplo e  intenso programa de ponencias e mesas de debate a través das cales se coñecerán modelos europeos de formación do profesorado procedentes de países como Francia, Alemaña, Irlanda, Noruega ou Turquía, debater sobre o impacto real da formación na práctica docente  e compartir experiencias innovadoras e boas prácticas xurdidas das redes de formación, entre outros.

Para iso, cóntase coa presenza de representantes das redes de formación das distintas comunidades autónomas, así como inspectores, directores, coordinadores de formación e outros responsables educativos. Ademais, asistirán membros da Conferencia de Decanos das Facultades de Educación e de diversas institucións vinculadas á formación docente, creando un espazo de colaboración e intercambio de coñecementos.