A Sociedade de Pediatría de Galicia asesorará e formará á comunidade educativa en materia de benestar dixital
O conselleiro de Educación e a presidenta desta asociación médica asinan un acordo para levar a cabo accións deste tipo entre o profesorado e as familias
O acordo enmárcase no traballo en marcha para o deseño dun Plan de benestar dixital que aproveite o mellor das tecnoloxías e minimice os seus riscos de uso
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, e a presidenta da Sociedade Galega de Pediatría, Susana Rey, asinaron hoxe un acordo para impulsar accións de asesoramento e formación da comunidade educativa en materia de benestar dixital.
Ao abeiro deste convenio de colaboración, os profesionais e expertos da entidade pediátrica prestarán asesoramento en materia de benestar dixital, o que permitirá potenciar a educación en saúde sobre os efectos do uso dos dispositivos dixitais, atendendo especialmente á saúde mental, física e social do alumnado galego.
Neste senso, o titular de Educación, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, subliñou a importancia de contar con “expertos nesta materia” co fin ser capaces de dar unha resposta “baseada en evidencias científicas” ante o importante reto de “aproveitar as potencialidades das novas tecnoloxías e o mellor que estas ofrecen, ao tempo que minimizar os seus riscos de uso”.
Con esta finalidade, a Consellería de Educación tamén contará cos profesionais da asociación para impartir formación especializada aos docentes a través das actividades programadas pola Rede de formación permanente do profesorado. Así mesmo, tamén ofrecerán información a colectivos específicos, especialmente ás escolas de nais e pais.
Aposta por un ensino híbrido
Este acordo enmárcase dentro do traballo posto en marcha pola Consellería con expertos dos eidos da pedagoxía, a medicina, a psicoloxía e a tecnoloxía para a elaboración do futuro Plan de benestar dixital, co fin de artellar un documento rigoroso e solvente nesta materia. O obxectivo é impulsar o uso responsable da tecnoloxía e a convivencia saudable cos dispositivos dixitais para garantir o benestar emocional na infancia e na adolescencia, traballar na mellora do rendemento escolar e procurar un emprego equilibrado a prol dun ensino híbrido, onde convivan en equilibrio o modelo tradicional e o dixital.