Xunta e Concello de Brión estreitan a súa colaboración para impulsar de xeito conxunto obras de mellora no Instituto e no Colexio de Pedrouzos
O conselleiro de Educación, acompañado pola delegada territorial da Coruña, subscribe co alcalde o protocolo para facer efectivos os traballos
Román Rodríguez subliña este acordo como “exemplo de cooperación institucional” en beneficio “da comunidade educativa en particular e do conxunto da cidadanía en xeral”
A Xunta de Galicia e o Concello de Brión estreitan a súa colaboración para impulsar, de xeito conxunto, a execución de obras de mellora no Colexio CEIP Plurilingüe de Pedrouzos e no instituto da localidade.
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e o alcalde brionés, Pablo Lago, asinaron esta mañá un convenio marco para levar a cabo unha serie de actuacións nas infraestruturas educativas deste concello da comarca compostelá, nun acto no que tamén estivo presente a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
O titular de Educación do Goberno galego salientou a importancia deste acordo como un exemplo de “colaboración interinstitucional” entre dúas administracións “que redundará en beneficio da comunidade educativa de Brión en particular e no conxunto dos seus cidadáns en xeral”.
Román Rodríguez aposta por esta liña de “traballo cooperativo” que permitirá “sacarlle o máximo aproveitamento e rendemento” ás infraestruturas financiadas con recursos públicos, como vai ser o caso do Colexio de Pedrouzos e do Instituto de Brión.
Detalles do acordo
Así pois, no marco deste acordo, e froito desta colaboración institucional, o Goberno galego asumirá a redacción e aprobación do proxecto e a execución da obra de rehabilitación e, no seu caso, ampliación do Colexio CEIP Plurilingüe de Pedrouzos.
Así mesmo, a Xunta comprométese á desafectación do uso educativo dunha franxa de terreo do colexio de 200m² aproximadamente para que o Concello constrúa unha dársena de autobuses que mellore o servizo de transporte do alumnado.
No que atinxe ao Instituto IES de Brión, o Concello comprométese á redacción do proxecto e á execución da obra de cubrición dos laterais do patio cuberto, mentres que a Xunta facilitará o uso compartido de dito patio por parte da administración local fóra do horario lectivo. As condicións deste uso compartido quedarán plasmadas nun futuro acordo entre a Dirección Territorial da Consellería na Coruña e o Concello de Brión.