A Xunta apoia con máis de 2,5M€ a investigación en ciencias sociais do Centro Interuniversitario Ecobas

O secretario xeral de Universidades, a directora da Axencia Galega de Innovación e o reitor da UVigo visitan este centro, que conta con 103 investigadores

Mar, 20/05/2025 - 13:03
ECOBAS

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron xunto co reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, o Centro de Investigación Economics and Business Administration for Society (ECOBAS) para coñecer o seu funcionamento e as súas liñas de investigación. Este centro, que a Xunta de Galicia apoia cunha achega de máis de 2,5M€, foi recoñecido este ano como centro colaborativo da Rede CIGUS, o que supón que está un paso máis próximo de ser nomeado centro excelente en vindeiras convocatorias.

Os representantes da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, no marco das visitas conxuntas que están realizando aos centros de investigación e tecnolóxicos galegos para procurar sinerxías entre eles, sinalaron o traballo dos 103 investigadores de ECOBAS, entre os que se atopan un científico que acadou unha bolsa ERC do Consello Europeo de Investigación e outra investigadora que quedou finalista nesta convocatoria do ERC. Tamén destaca a participación de ECOBAS en 23 proxectos competitivos entre 2023 e 2024 cos que acadaron unha financiación superior aos 4,8M€.

Este centro interuniversitario, creado no 2021, centra as súas investigacións nas ciencias sociais, aínda que o seu traballo tamén se articula no eido ambiental como medio de soporte de todas as actividades, o social e político como marco de acción e interacción dos axentes público-privados, e o económico, onde se analizan os impactos das devanditas interrelacións.

Durante a visita, tamén se puxo en valor o apoio do Goberno galego a este centro de investigación que, máis alá dos máis de 400.000 euros que recibiron por parte da Xunta este ano na convocatoria dos centros de excelencia, leva recibido un total de 2,5M€ en diversas convocatorias, incluíndo as achegas aos grupos de investigación que están vinculados a ECOBAS e os convenios de I+D coa UVigo.