Cultura e Educación mestura humor, música e gastronomía nunha nova edición de ‘Seráns do TAC’, que arranca o 21 de maio no Gaiás

O secretario xeral de Cultura presentou esta mañá o ciclo, que difiniu como “un proxecto único que implica a gran parte do tecido cultural galego e que convida á fusión de diferentes artes”

O repertorio de figuras como Varèse, Schoenberg ou Cage combínase coas estreas de compositores galegos como Eduardo Soutullo e coa participación de directores do talle de Paul Daniel

Quico Cadaval, Carlos Blanco e Julián Hernández presentarán as sesións, que contarán cunha tapa elaborada por cinco cociñeiros galegos de vangarda

A sesión ‘A Contracorrente’ inaugurará o ciclo o 21 de maio, ás 20:00 horas, na Biblioteca de Galicia. As entradas xa están á venda en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión

Mér, 02/05/2012 - 14:18
Cultura e Educación mestura humor, música e gastronomía nunha nova edición de ‘S
Cultura e Educación mestura humor, música e gastronomía nunha nova edición de ‘S

Humor, música e gastronomía. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recupera este orixinal formato para as tardes do Gaiás coa posta en marcha da segunda edición de Os Seráns do TAC, un ciclo que busca introducirnos na música contemporánea dun modo festivo e ameno. Tras o éxito colleitado durante a súa primeira edición, Os Seráns do TAC regresa á Cidade da Cultura a través de cinco concertos que estarán introducidos polos mellores monologuistas e aderezados polas últimas tendencias da nosa cociña.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo foi o encargado de presentar en rolda de prensa esta segunda edición de Os Seráns do TAC, xunto coa directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz Fernández Loroño, e co director do Taller Atlántico Contemporáneo, Diego García Rodríguez.

Sobre a iniciativa, Anxo Lorenzo fixo fincapé na súa vocación de colocar a Cidade da Cultura e o propio ensemble que é o TAC no panorama internacional da música contemporánea. Así mesmo, destacou que “vangarda e tradición actúan como fío condutor dun proxecto único que implica a participación dunha gran parte do tecido cultural galego, ao tempo que convida á fusión de diferentes disciplinas artísticas, desde a música ao teatro, o audiovisual, a danza ou a gastronomía”. Pola súa banda, o director do TAC destacou a boa acollida que o proxecto tivo en 2011 e trasladou a súa aspiración de que Os Seráns do TAC se consolide na programación cultural da Cidade da Cultura.

Humor+Música+Cociña

Os Seráns do TACpropón un achegamento ao mundo da música contemporánea e á gastronomía a través dun formato único. O repertorio de grandes figuras como Varese, Schoenberg ou Cage interpretado polos músicos do TAC combinarase coa estrea de obras de compositores galegos como Eduardo Soutullo ou Raquel García Tomás e a participación de artistas internacionais para dirixir ou tocar obras dos nosos compositores como Paul Daniel. Cinco sesións que estarán introducidas en clave de humor polos actores Quico Cadaval e Carlos Blanco e o músico Julián Hernández (Siniestro Total). Tras o concerto, cinco importantes restaurantes –Abastos 2.0, Eirado de Leña, Pepe Solla, Culler de Pau e Yayo Dacosta– ofreceranlles aos asistentes unha tapa de cociña contemporánea a partir de produtos da nosa xeografía, que favorecerá un momento de conversa así como de gozo dos espazos que ofrece a Cidade da Cultura.

Ao igual que en 2011, Os Seráns do TAC terán lugar na Biblioteca de Galicia. As entradas xa están á venda en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión.

Programa

O primeiro destes Seráns terá lugar xa este mes de maio, concretamente o vindeiro luns 21 ás 20:00 horas, cunha sesión titulada A Contracorrente. Presentada por Carlos Blanco e salpementada coas frescas tapas de Abastos 2.0, o TAC abrirá este segundo ciclo cun concerto de autores que seguiron camiños moi persoais, difíciles de encadrar nas distintas correntes musicais xurdidas no transcurso das súas vidas e cunha compoñente performántica moi importante, non só para escoitar, senón tamén para ver: Varèse, Kagel, Schnittke e Daugherty. As entradas para participar neste primeiro Serán do TAC xa están á venda en www.servinova.com desde hoxe mesmo.

En torno a Schoenbergxirará a segunda sesión, que terá lugar o luns 11 de xuño ás 20:00 horas. A voz será a protagonista deste Serán no que o público se achegará á figura de Arnold Schönberg desde dúas perspectivas: o Schönberg compositor visto a través dunha obra inspirada no mundo do cabaré berlinés e o Schönberg transcritor visto polo arranxo que fixo deste ciclo de cancións para voz e orquestra de Gustav Mahler. Julián Hernández será quen lle dea un toque de humor a esta sesión na que se poderá saborear unha tapa contemporánea do cociñeiro do Grupo Nove Pepe Solla.

Colaboración con Implicadas no Desenvolvemento

Tras unha parada estival, o 29 de outubro o TAC cederalle a batuta ao director Paul Daniel, cun programa con música do seu compatriota Harrison Birtwistle, un dos compositores actuais clave no actual panorama musical contemporáneo. Ademais, Paul Daniel interpretará a estrea absoluta dunha peza do compositor galego Eduardo Soutullo, resultado dun encargo do TAC. A introdución correrá a cargo de Quico Cadaval e a proposta gastronómica virá da man de Eirado de leña.

Implicadas no Desenvolvemento, ONG galega que basea o seu traballo na procura da igualdade de xénero, colabora co TAC na sesión que terá lugar o domingo 25 de novembro. Nesta ocasión, o Serán trasládase ás 12:00 da mañá para poder contemplar unha panorámica da creación feminina actual, con obras dunha compositora finlandesa (Kaija Saariaho), unha alemá (Isabel Mundry), unha catalá (Gloria Rodríguez Gil) e unha galega (Raquel García Tomás), nas que a compoñente audiovisual e sensorial xogan un papel central. O restaurante do Grove Culler de Pau será o encargado de ofrecer, neste caso, o aperitivo da sesión vermú.

Convocatoria aberta a músicos

A clausura de Os Seráns do TAC chegará da man de John Cage, cun “gran circo musical galego” para conmemorar o centenario do seu nacemento. Así, a Cidade da Cultura acollerá o Musicircus de Cage, que consiste nun evento multidisciplinar de actuacións independentes de xeito simultáneo, presentado normalmente en espazos non habituais de concertos. O Musicircus é unha obra anti-autoritaria, ata tal medida que Cage non escribiu partitura. Non está nada prescrito: nin sobre que participantes poden tomar parte, nin sobre a duración, nin coordinación nin a dirección. Tamén o propio público terá a oportunidade de situar a súa atención ben nun evento individual ou ben na globalidade (ou en calquera punto intermedio). Como xa fixo o ano pasado, o TAC quere abrir para esta sesión unha convocatoria a través de internet para invitar a todos os músicos interesados a participar e facer unha festa musical na Cidade da Cultura

Menús News node R

Tema