Xesús Vázquez Abad asina cos reitores das universidades galegas axudas pola estabilización de 10 investigadores

Cultura e Educación dá axudas de 1,3 millóns de euros ás universidades para a totalidade do persoal investigador que estabilizou entre o 1 de xullo de 2011 e o 1 de febreiro de 2012

Na mesma reunión asinouse a transferencia de 455.000 euros ás universidades para impulsar a súa modernización consonte o Espazo Europeo de Educación Superior

Así continúa apoiando os esforzos de incorporación de investigadores ao sistema universitario, para potenciar a súa competitividade e a renovación xeracional

A Consellería inviste preto de cinco millóns de euros como apoio ás políticas das universidades galegas, que incorporaron 38 investigadores de alto nivel ao seu persoal nos dous últimos anos

Mér, 02/05/2012 - 13:48
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Ab
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, cos reitores do Sistema Universitario Galego (SUG

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asinou hoxe cos reitores do Sistema Universitario Galego (SUG) axudas pola estabilización de 10 dos seus investigadores.  En total a Xunta achegará preto de 1,3 millóns de euros para financiar a contratación destes co fin de incentivar a incorporación estable nas universidades do SUG de novo persoal docente con perfil marcadamente investigador.

No encontro, celebrado en San Caetano, Vázquez Abad asinou as correspondentes axudas co reitor da Universidade da Coruña, Xosé Luis Armesto; de Santiago, Juan Casares; e de Vigo, Salustiano Mato. Deste xeito o titular da Consellería amosa unha vez máis o seu firme apoio á estabilización do persoal docente investigador, o que contribúe á renovación xeracional. A contratación destes investigadores supón, ademais, un avance a prol da calidade do SUG, no marco dos obxectivos do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento (I2C) 2011-2015.

De feito, o devandito plan recolle no seu Reto 1, a “captación, formación e retención de talento”, estratexia desenvolvida no Eixe estratéxico 1 ‘Xestión do Talento’, co fin de captar e desenvolver os recursos humanos especialmente capacitados para os procesos de xeración de coñecemento. Desta forma, a consellería considera que son precisamente os investigadores de excelencia científica, formados nas universidades galegas, os mellores recursos humanos para facer avanzar o sistema galego de I+D+i.

Cómpre destacar que no convenio queda  reflectido que cada unha das universidades recibirá un incentivo por unha cantidade equivalente a tres anos de salario dun profesor titular de universidade por cada investigador contratado na súa universidade. Os postos de traballo acollidos a este convenio son todos aqueles nos cales tanto a data de contrato ou nomeamento como a de incorporación efectiva están comprendidas entre o 1 de xullo de 2011 e o 1 de febreiro de 2012, e que finalizaron previamente o seu quinto ano do contrato do Programa Parga Pondal, contando coa acreditación Manuel Colmeiro.

Desde a asunción das competencias sobre os programas de investigación das universidades no pasado mes de xuño, este é xa o segundo convenio de colaboración entre as universidades galegas e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. En conxunto, significa un desembolso de preto de cinco millóns de euros como compensacións ás universidades pola estabilización de 38 investigadores de alto nivel desde o 1 de xaneiro de 2010 ao 1 de febreiro de 2012.

Con esta iniciativa, a Xunta de Galicia segue apostando por incorporar talento investigador de alto nivel nos cadros de persoal das universidades, a prol da construción dunha universidade galega que sexa o motor dunha Galicia do futuro, que deberá estar baseada no coñecemento, a investigación e a innovación.

Deste xeito e dentro do programa de captación de talento, a Consellería sigue apostando polo Programa de Formación de investigadores, a través de dúas liñas: financiamento de contratos predoutorais e contratos posdoutorais, e polo Programa de Estabilización destes investigadores nas universidades, mediante axudas á contratación indefinida.

Adaptación ao EEES

No mesmo acto tamén foron asinados cos reitores do Sistema Universitario Galego (SUG) os convenios polos que aConsellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria transferirá máis de 455.000 euros ao SUG para impulsar a súa modernización, no marco das achegas concedidas polo Ministerio de Educación para a adaptación das institucións universitarias ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES).

As axudas xa foron distribuídas entre as tres universidades do SUG segundo os criterios indicados polo Ministerio, como o número de estudantes matriculados en grao e máster, o volume de persoal docente e investigador e o do persoal de administración e servizos.