A Xunta elevará a case 700 o número de auxiliares de conversa o vindeiro curso para apoiar o ensino de linguas estranxeiras
Sumaranse 25 novos profesionais e destinaranse 5,2M€ ao financiamento desta liña de actuación, enmarcada na Estratexia Edulingüe 2030
Colaboran coa aprendizaxe de ata cinco linguas diferentes e proceden de 24 países
O sistema educativo galego contará o vindeiro curso con 690 auxiliares de conversa para apoiar o ensino de linguas estranxeiras. Serán 25 máis ca no actual ano académico e supón un novo récord histórico de auxiliares en Galicia, cuxa presenza nos centros se ten multiplicado por máis de 10 respecto dos 67 que había ao inicio do programa, no ano 2009.
Este programa supón un investimento de aproximadamente 5,2M€, dos que a Xunta achega 4,8M€ e o resto é cofinanciado polas administracións e entidades colaboradoras. En concreto hoxe o Consello da Xunta autorizou a renovación dun convenio entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e o Ministerio de Educación, unha das institucións que colabora neste programa, á que se suman outras como a Comisión Fulbright, a Oficina do Consello Internacional da Lingua Chinesa–Hanban ou o Instituto Camões.
Os auxiliares de conversa apoian a aprendizaxe de idiomas maioritariamente en centros plurilingües, escolas oficiais de idiomas e centros educativos con seccións bilingües. Reciben unha axuda económica e participan en actividades de apoio á docencia da lingua estranxeira no centro de destino, sempre supervisados por unha persoa profesora titora-coordinadora.
Estas persoas, procedentes de 24 países distintos, prestan apoio ao ensino de ata cinco linguas diferentes: inglesa, francesa, portuguesa, alemá e chinesa. O Goberno galego financia a estadía destas persoas en Galicia, ademais de asignalas aos diferentes centros.
Amplo grao de satisfacción
As persoas que prestan apoio como auxiliares de conversa contribúen a facilitar a aprendizaxe das linguas estranxeiras, ao tempo que representan un auténtico vehículo de achegamento á cultura doutros países, contribuíndo a reforzar o labor docente na compoñente de multiculturalidade.
Tras máis de 15 anos de funcionamento do programa, son unha figura cun éxito consolidado na nosa Comunidade. Non en balde, case o 99% das persoas coordinadoras dos centros participantes consideran moi positivo este apoio e o 50% das persoas auxiliares de conversa solicitan renovar un curso máis en Galicia.
Líderes en aprendizaxe de inglés
O programa de auxiliares de conversa enmárcase na Estratexia galega de linguas estranxeiras, Edulingüe 2030, a aposta da Xunta pola mellora das competencias do alumnado en linguas estranxeiras. A través dela artéllanse iniciativas como a rede de centros plurilingües, un total de 512 este curso en Galicia, ou as máis de 5.000 seccións bilingües que funcionan en Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial.
Grazas a esta aposta polo plurilingüismo, o alumnado galego está á cabeza entre os de mellor nivel de inglés de España segundo o ranking internacional EF EPI, o único baseado en avaliacións do idioma realizadas por 2,1 millóns de persoas de 111 países.