Román Rodríguez anuncia que a Xunta licitará en xuño a primeira fase da ampliación do colexio CEIP Rosalía de Castro do Grove
A Xunta investirá arredor de 2,6M€ na mellora completa do centro, que se dividirá en dúas intervencións e cuxa obra comezará a finais de ano
Na primeira delas construirase un novo volume para acoller o comedor e un ximnasio, mentres que na segunda se construirán máis aulas e se mellorará o edificio principal
O Goberno galego está a investir máis de 3,4M€ en obras nos centros educativos do Grove no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, visitou hoxe o Colexio CEIP Rosalía de Castro do Grove, onde anunciou que a Xunta licitará en xuño a primeira fase das obras de ampliación do centro, que comezarán no último trimestre deste ano. O orzamento estimado da mellora completa é de 2,6M€, dividida en dúas fases.
Tal e como explicou o conselleiro, na primeira fase, dotada de 1,7M€, o obxectivo principal é construír un novo comedor que substitúa o actual, situado nunha construción exenta no patio con escasa capacidade. Para iso, demolerase o edificio de antigas vivendas de mestres e edificarase outro novo de dúas plantas, que acollerá tanto o espazo para comer (93,4 m²) como un ximnasio de 244,8 m². Ademais, o novo volume contará con varios almacéns, sala de caldeiras, vestiarios, e un despacho, entre outras instalacións. A superficie total ampliada será de máis de 950 m² e a actuación completarase no exterior coa instalación de ramplas de acceso que garantan a accesibilidade ao novo edificio.
Neste momento está en supervisión o proxecto, co obxectivo de poder licitar a obra en xuño e comezala no último trimestre de 2025. O prazo de execución das obras é de 12 meses, polo que se prevé o seu remate para finais de 2026.
Actuacións no edificio de aulas
No que atinxe á ampliación do edificio de aulas, acometerase nunha segunda fase, máis adiante. Entre outras melloras, incrementarase a súa altura e redistribuirase o seu interior, adaptándoo aos parámetros do Plan de nova arquitectura pedagóxica.
Ademais, prevese a mellora da eficiencia enerxética mediante o cambio de fiestras e o illamento de fachadas, así como a renovación da iluminación e a mellora da accesibilidade, entre outras tarefas. O orzamento estimado para esta segunda fase é de preto de 900.000€.
Máis de 3,4M€ no concello
O conselleiro puxo en valor o investimento que o Goberno galego está a facer en obras de mellora nos centros educativos do Grove no marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, que supera os 3,4M€.
Neste sentido, destacou as obras xa rematadas de melloras sectoriais nos institutos Plurilingüe As Bizocas e Monte da Vila (preto de 275.000e en total) e lembrou que xa está comprometida a rehabilitación integral do CEIP Conmeniño, cun investimento estimado de 450.000€. Neste momento o proxecto está en fase de supervisión.