O primeiro estudo estatal sobre circuítos escénicos públicos subliña a aposta pola produción galega da rede de teatros e auditorios que promove a Consellería de Cultura e Educación

Destaca tamén a estabilidade na súa programación e financiamento, achegado ao 50 por cento entre a Agadic e os concellos e entidades xestoras dos espazos asociados

A Rede alcanza unha poboación potencial de 1.635.751 habitantes, cunha cobertura que supera o 58% do ámbito territorial galego

Elaborado por La Red Española de Teatros e a Universidade de Valladolid, analiza a evolución dun total de 10 circuítos entre os anos 2006 e 2010

Lun, 30/04/2012 - 14:59

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de distribución de espectáculos xestionado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mantén uns destacados índices de estabilidade na súa programación e financiamento de acordo cos datos comparativos que se extraen do primeiro Estudio sobre redes y circuitos de espacios escénicos públicos. O informe, elaborado por La Red Española de Teatros en colaboración coa Universidade de Valladolid, subliña ademais a maioritaria presenza de espectáculos producidos en Galicia na programación da Rede, con valores que alcanzan o 91% no caso do teatro, o 92,3% no da música e o 66,6% no da danza.

Editado tras dous anos de investigación, este documento analiza o período comprendido entre os anos 2006 e 2010 nun total de dez redes e circuítos, facendo fincapé no seu papel como dinamizadores da industria escénica e responsables da vertebración da oferta cultural. Xunto coa galega, estúdanse tamén outras sete redes autonómicas (Andalucía, Aragón, Castela e León, Castela-A Mancha, Madrid, Murcia e País Vasco) e dúas provinciais (Barcelona e Tenerife).

As conclusión obtidas permiten trazar un mapa sobre a cobertura que os devanditos circuítos prestan aos seus territorios, que no caso da Rede Galega de Teatros e Auditorios chega a unha poboación potencial de 1.635.751 habitantes cun alcance que supera o 58% do seu ámbito territorial, situándose oito puntos por riba da media. É relevante tamén o número de espazos asociados e a súa estabilidade, rexistrando incluso un leve aumento ao pasar de 45 teatros e auditorios adheridos en 2006 aos 49 de 2010.

Alcance superior á media

Durante o período analizado, constátase así mesmo un forte incremento no orzamento consignado á contratación e exhibición de espectáculos no marco do circuíto galego, nunha tendencia contraria á descrita polo conxunto das redes analizadas. No caso de Galicia, pasouse de 1.371.456 euros en 2006 a 2.133.026 euros en 2010, investimento achegado ao 50 % entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e os concellos e entidades xestoras dos espazos.

O Estudio sobre redes y circuitos de espacios escénicos públicos ofrece, asemade, indicadores que permiten medir a actividade dos circuítos e contrastar a súa eficacia e eficiencia. Algúns destes índices son a ratio de investimento por habitante, que no caso da Rede Galega de Teatros e Auditorios ascende a 1,30 euros, e a inversión media por espazo escénico, que en Galicia é de 43.531 euros. De forma complementaria, o investimento por representación ascende a 2.898 euros, cifra sensiblemente inferior á media xeral e que o estudo relaciona directamente coa presenza dominante de producións galegas na súa programación, fronte á de outros circuítos que apostan pola contratación de producións foráneas que veñen a encarecer os custos das carteleiras.

Instrumento transcendental

A investigación confirma a evolución ascendente no número anual de funcións programadas no seo da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que pasou de 527 en 2006 a 688 en 2010. Ao tempo, afóndase nos indicadores que permiten establecer unha media de representacións por espazo asociado, ofrecendo deste xeito unha panorámica do modo en que cada circuíto se consolida como un “instrumento transcendental” na configuración das programacións municipais. Neste caso, a media de funcións por espazo escénico da Rede sitúase nas 15,02 representacións, lixeiramente por riba da media global.

En canto ao tipo de programación, o circuíto promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Agadic segue unha pauta similar á do resto dos analizados, de xeito que o investimento en teatro para adultos concentrou ata o 60,9% do orzamento total do ano 2010, mentres que a porcentaxe consignada aos espectáculos infantís supuxo o 21,6 por cento; a partida de danza, un 9,4 por cento e a de música –disciplina que en Galicia conta cunha rede de distribución específica–, o 1 por cento restante. A evolución orzamentaria constata, así mesmo, unha presenza crecente do teatro infantil no conxunto da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios durante o período analizado.

Menús News node R

Tema