Román Rodríguez sinala accións como a carreira educativa Barreiros E-Motion e o Congreso de mobilidade como “incentivos” para o crecemento da FP

O conselleiro Educación saúda ao alumnado de FP básica que participa na carreira organizada polo Centro Galego da Innovación da FP Eduardo Barreiros

O II Congreso de mobilidade sustentable en medios de transporte, organizado polo IES de Vilalonga de Sanxenxo e o CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa, prolongarase ata mañá

Xov, 08/05/2025 - 13:35
carreira Barreiros E-Motion

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asistiu hoxe á carreira Barreiros E-Motion, que se celebrou en Vilagarcía de Arousa no marco do II Congreso de mobilidade sustentable en medios de transporte. Unha cita que é “exemplo do bo facer da FP galega”, sinalou Román Rodríguez, aplaudindo a implicación de alumnado e docentes “en probas coma estas nas que se ve o esforzo, a dedicación e todo o aprendido nas aulas”.

Esta competición, organizada polo Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros en colaboración con Greenpower, forma parte dun proxecto educativo internacional centrado na innovación tecnolóxica e na sustentabilidade e no que o alumnado realiza todo o proceso de elaboración e mellora dos coches.

Na carreira participaron estudantes de FP básica dos institutos IES de Vilalonga de Sanxenxo, IES Castro da Uz das Pontes, IES de Ordes, IES María Sarmiento de Viveiro, IES O Ribeiro de Ribadavia e os centros integrados de FP CIFP A Xunqueira de Pontevedra, CIFP Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa e CIFP Coroso de Ribeira. Os equipos gañadores poderán acceder a fases nacionais e internacionais dentro do programa Greenpower, con opción de representar a Galicia en competicións europeas.

II Congreso de mobilidade sustentable

O representante do Goberno galego, que estivo acompañado pola directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, tamén inaugurou a segunda edición do Congreso de mobilidade sustentable en medios de transporte. Nesta cita, organizada polo IES de Vilalonga e o CIFP Fontecarmoa, participaron nove centros educativos con proxectos innovadores como un simulador de drons e un de coches de competición do CIFP As Mercedes de Lugo, un novo vehículo de competición de rally do IES Lois Peña Novo de Vilalba ou unha maqueta didáctica de sistemas propulsados con hidróxeno do IES María Sarmiento de Viveiro, entre outros.

Román Rodríguez incidiu na importancia de “este tipo de eventos tan atractivos para o alumnado, pois funcionan como un incentivo para facer medrar a FP galega curso tras curso”. De feito, na familia de Transportes na FP incrementouse este curso nun 6,4% o alumnado con respecto ao curso anterior, algo que amosa “a forte aposta do estudantado pola automoción en Galicia e pola profesionalización da mesma en diferentes niveis a través da FP galega”, engadiu. Tamén fixo fincapé na gran demanda laboral e de persoal cualificado que existe en todo o sector da mobilidade. De feito, “os ciclos que se corresponden con esta actividade teñen unha inserción superior ao 90%”, destacou.

O Congreso, unha cita que se celebrará durante os días de hoxe e mañá, conta cun total de 40 stands e con relatorios formativos e mesas redondas sobre mobilidade ou carga de baterías, así como tecnoloxías de diagnose, entre outras temáticas. Este congreso, que reúne a empresas, centros educativos e expertos do sector, conta tamén con obradoiros prácticos e un espazo de empregabilidade para alumnado demandante de emprego e demostracións en estrada con vehículos híbridos e eléctricos.