A Xunta dotará aos centros E-Dixgal con libros de texto para afianzar o modelo de ensino híbrido

O conselleiro de Educación presenta a primeira fase da evolución do programa de libro dixital que comezará xa o vindeiro curso e se ampliará nos seguintes

Froito das reunións e estudos realizados, haberá melloras en cinco ámbitos: contidos, formación do profesorado, benestar dixital do alumnado, seguridade e xestión

Na etapa de Primaria, os colexios poderán incorporar ata tres libros para as materias E-Dixgal e as familias recibirán axudas para adquirilos en función da renda

Na ESO, onde xa se combinaban libros e ordenador, tamén haberá apoio na adquisición, atendendo deste xeito unha reivindicación da comunidade educativa

Os docentes disporán un itinerario formativo específico e ofertaranse tamén cursos para as familias, con quen se mellorarán as canles de comunicación

Reforzarase a figura do profesor coordinador de E-Dixgal, a quen se lle recoñecerá esta función coa redución horaria correspondente en prol da calidade do proxecto

Impulsarase o benestar dixital a través dun plan específico deseñado en colaboración con expertos dos ámbitos da pedagoxía, a pediatría, a psicoloxía e a tecnoloxía

Xov, 08/05/2025 - 13:37
E-Dixgal

A Xunta introducirá xa o vindeiro curso unha serie de melloras no programa E-Dixgal co obxectivo de avanzar nun modelo de ensino híbrido, onde conviven en equilibro as novas tecnoloxías e o papel. Entre outras medidas, o Goberno galego dotará aos centros E-Dixgal de libros de texto, que se prestarán de xeito gratuíto ao alumnado en función da renda familiar. Así o avanzou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, nunha rolda de prensa para dar conta dun conxunto medidas de actualización deste programa.

O conselleiro, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, explicou que este proceso de revisión e actualización de E-Dixgal se levará a cabo en dúas fases, a primeira das cales arrancará xa en setembro. Os cambios buscan adaptar o proxecto ás novas realidades e á evolución social e pedagóxica.

O titular de Educación da Xunta especificou que se trata “dun primeiro paquete de melloras” que se irán “enriquecendo de xeito paulatino” con novas accións e que se suman a outras en marcha. Os cambios concentraranse en cinco grandes ámbitos, identificados nun exhaustivo traballo de campo con consulta aos docentes e ás familias a través de reunións, cuestionarios e grupos de discusión. Son os seguintes: os contidos e materiais, a formación do profesorado, o benestar dixital do alumnado, a seguridade e o apoio ás familias e, finalmente, a optimización da propia xestión do programa.

Con estas novas medidas, a Administración autonómica quere ser “sensible ao sentir da comunidade educativa”, ao tempo que cumpre co compromiso adquirido tanto no programa electoral do partido que sustenta o Goberno da Xunta como o mandato do Parlamento de Galicia, que o aprobou por unanimidade de todas as forzas políticas.

Este é tamén o sentir da sociedade galega. De feito, un estudo demoscópico desenvolto por Sondaxe como parte deste traballo de actualización conclúe que máis de metade da poboación é partidaria dun ensino híbrido que combine ordenador e libros de texto. Así mesmo, outórganlle unha importancia de 4,43 sobre 5 á formación nas aulas sobre o uso dos dispositivos dixitais e de 4,37 ao papel dos docentes no uso destes recursos.

No actual escenario tecnolóxico global, e ante a irrupción da intelixencia artificial en todos os eidos, Román Rodríguez apostou tamén por este ensino mixto, que combine métodos dixitais e analóxicos. Lembrou a obrigatoriedade legal de formar ás novas xeracións nas competencias dixitais, establecida na normativa tanto a nivel español como europeo, pero apostou por facelo dun xeito equilibrado e responsable, confiando nos docentes.

A primeira fase de melloras, que se aplicarán xa no curso 25-26, ampliarase no curso 26-27, unha vez que se aprobe a Lei de educación dixital actualmente en elaboración, que estará orientada a regular este modelo híbrido. A previsión é dispoñer dun primeiro texto á volta do verán para sometelo ás correspondentes consultas e tramitación administrativa. Tamén no curso 26-27 se licitarán novos contratos para editoriais. O obxectivo é que os contidos combinen de maneira expresa os recursos dixitais e en papel.

Combinación de materiais

Antes, xa desde o vindeiro mes de setembro, os colexios integrados no programa E-Dixgal poderán incorporar por primeira vez ata tres libros de texto na etapa de Primaria nas materias que elixan libremente, combinando así ordenadores e manuais en papel. Será unha decisión voluntaria por parte de cada centro. Para facilitar a súa adquisición, a Consellería dotaraos dun fondo que se prestarán de xeito gratuíto seguindo os mesmos criterios de renda que xa operan actualmente para outras axudas da Consellería.

No caso da Educación Secundaria, onde xa se combinaban libros de texto e recursos dixitais, tamén haberá estas liñas de apoio, atendendo así unha reivindicación das familias, que ata agora recibían de balde un ordenador para o seu uso persoal, ademais dos correspondentes contidos dixitais, pero non accedían ás axudas de libros de texto.

Así pois, no caso de 5º e 6º de Educación Primaria, as familias cunha renda per capita igual ou inferior a 6.000€ recibirán ata un máximo de tres libros e as de entre 6.000 e 10.000€ per capita recibirán ata dous libros. En Secundaria as familias cunha renda per capita igual ou inferior a 6.000€ recibirán ata dous libros e as de entre 6.000 e 10.000€ per cápita recibirán un libro. En ambas etapas, as familias con renda per capita entre 10.000 e 30.000€ beneficiaranse das novas desgravacións fiscais que a Xunta vai a poñer en marcha por primeira vez.

Así mesmo, ampliaranse contidos dixitais de calidade a través de cREAgal, unha nova ferramenta xa en marcha na que o profesorado deseña e comparte recursos didácticos de elaboración propia. Tamén se incorporarán novas materias con contidos en inglés -unha solicitude formulada por parte dos propios centros- e revisaranse os materiais xa existentes co fin de continuar optimizándoos para a mellor utilización na aula.

Formación do profesorado

Outro dos eidos onde se fai fincapé é o da formación no ámbito do profesorado, que vai contar cun itinerario formativo específico vencellado ao desenvolvemento do modelo mixto, tanto a nivel metodolóxico como técnico. Formará parte do Plan anual de formación do vindeiro curso, que se imparte a través do Centro Autonómico de Formación e Innovación do Profesorado. En paralelo, o Centro de Innovación Educativa e Dixital traballa na elaboración de guías e recomendacións sobre metodoloxías didácticas.

Benestar dixital

O apartado do benestar dixital é outro dos aspectos que recibe un novo impulso a través dun plan cuxa elaboración iniciou a Consellería onte mesmo, cunha xuntanza de traballo con expertos do eido da pedagoxía, a pediatría, a psicoloxía e a tecnoloxía.

Nel concretaranse accións para a prevención do acceso prematuro ou excesivo e para garantir o uso saudable, seguro e equilibrado da tecnoloxía nas aulas. Co fin de establecer liñas de traballo rigorosas e solventes, a Consellería de Educación contará co asesoramento da Sociedade Galega de Pediatría, entre outras entidades especializadas.

Seguridade e xestión

Canto á seguridade, reforzaranse as actividades contempladas no Plan dixital de centro dirixidas ao alumnado sobre a navegación segura, a protección da privacidade e os riscos do mundo dixital. Programas como Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais, Navega cun Rumbo ou Contigo na rede, entre outros xa en funcionamento, son unha vía para a formación do alumnado neste eido, que ensinan sobre o uso responsable.

Unha cuestión que as propias familias puxeron de manifesto na enquisa de Sondaxe é a falta de información, posto que o 57% manifesta que non dispón de suficiente información sobre E-Dixgal. Para atallar esta eiva, a Consellería vai deseñar accións formativas dirixidas ás familias que se canalizaran a través das Escolas de nais e pais, con formación nos propios centros e, por primeira vez, nos centros de formación e recursos das cidades. A finalidade será reforzar o seu coñecemento dixital para xerar maior confianza. Tamén se abrirán novas canles de comunicación, asesoramento e resolución de dúbidas.

Finalmente estableceranse melloras na xestión do programa co reforzo da figura da persoa coordinadora E-Dixgal, á que se lle recoñecerá esta función coa redución horaria correspondente en prol da calidade do proxecto. Tamén se implementarán melloras técnicas respecto as ferramentas de xestión de incidencias e no acceso aos contidos.