Rueda destaca a posta en marcha o vindeiro curso da Estratexia de inclusión educativa con medidas pioneiras e á carta
Asegura que o obxectivo é “que cada alumno poida aproveitar ao máximo as súas potencialidades”
Estará dotada de 116 M€ ata 2030 e consolidará Galicia coma a comunidade “co ensino máis accesible e inclusivo” de toda España
Salienta a creación da “FP básica adaptada” a través de acordos de colaboración entre centros de educación especial e de FP para favorecer a permanencia destes estudantes no sistema educativo
Intensificarase a relación cos colectivos de atención á diversidade, que impartirán formación especializada a docentes cos expertos dos que dispoñen en cada ámbito
Reforzarase o profesorado de apoio naqueles centros onde se detecten necesidades de mellora nas competencias clave do alumnado, cun procedemento regrado
Anuncia dous novos programas de apoio “aos alumnos de ESO de etnia xitana” e aos estudantes “de altas capacidades”
Procúrase un ensino personalizado, que se adapte ás necesidades de cada alumnado e ás preferencias das súas familias con base nas distintas opcións de escolarización
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou que de que o Consello aprobou hoxe a nova Estratexia de inclusión educativa (EduInclusión 2030) “para garantir un ensino á carta” co obxectivo de que “cada alumno poida aproveitar ao máximo as súas potencialidades”. Unha folla de ruta que estará dotada de 116 millóns de euros e que “se poñerá en marcha o vindeiro curso”.
Rueda salientou que esta iniciativa se enmarca na aposta da Xunta por un modelo educativo accesible e inclusivo no que se busca que “Galicia sexa unha terra de oportunidades na que cada alumno poda aproveitar as súas capacidades”. Nesta liña lembrou que “Galicia xa conta co ensino máis equitativo e inclusivo” ao ser a comunidade onde máis rapaces con necesidades educativas están matriculados en centros ordinarios, ser pioneiros en computar a estes alumnos por dous ou por tres a efectos de rateos nas clases e duplicar case o número de profesores de apoio nos últimos 15 anos.
No documento da nova Estratexia inclúense novidades como a creación “da FP básica adaptada” como unha das vías para asegurar a permanencia do alumnado no sistema máis aló do ensino obrigatorio. Deste xeito, búscase axudalo na súa cualificación para o seu desenvolvemento persoal e profesional. Isto farase a través de acordos de colaboración entre centros de educación especial e de FP, e tamén se actualizará a normativa neste eido. Ao mesmo tempo, impulsaranse as prácticas en empresas que fomenten a inclusión social e laboral e deseñarase un apoio personalizado aos alumnos en función das súas condicións e necesidades, con programas formativos adaptados.
A relación coas entidades de atención á diversidade é un dos aspectos que cobra especial relevancia na estratexia xa que, a partir de agora, se intensificará a colaboración e a coordinación con elas. No aproveitamento de sinerxías neste eido, unha das novidades é que os profesionais destas organizacións ofrecerán formación especializada aos docentes, o que redundará nunha mellor atención aos alumnos segundo as súas condicións.
Nesta folla de ruta para os vindeiros cinco cursos tamén se fai fincapé no acompañamento no caso de traxectorias educativas en risco de repetición ou abandono escolar e no establecemento de liñas para distintos colectivos e necesidades, como o alumnado de etnia xitana, de altas capacidades ou que estea hospitalizado por motivos de saúde.
Outro dos piares da estratexia é proporcionar unha educación inclusiva á carta, adaptada aos nenos con necesidades específicas e aos intereses das súas familias, con distintas opcións de escolarización existentes e polas que poden optar con autonomía: en centros ordinarios, modalidade combinada, centros de educación especial, etc. Co fin de mellorar tamén a atención personalizada que reciben, revisaranse os protocolos actualmente en funcionamento e deseñaranse outros novos en diálogo cos colectivos interesados. Tamén se actualizará a normativa para adecuala á evolución e ás necesidades actuais.
En resumo, a estratexia -froito dun longo traballo de planificación técnica e de diálogo coas entidades- está estruturada en seis eixos que definen os grandes ámbitos de actuación para a súa implementación efectiva a través de nove liñas de traballo e medio cento de medidas dirixidas a alumnado, profesorado, centros educativos e familias.
Dáse prioridade aos principios de prevención, para identificar e atender anticipadamente as condicións que dificultan a aprendizaxe do alumnado antes de que estas situacións deriven en abandono; de equidade, garantindo a atención á diversidade e o desenvolvemento integral do alumno; de accesibilidade universal, blindando a igualdade de oportunidades cunha mirada inclusiva nos programas educativos para rachar coas barreiras que dificultan a participación do alumnado máis vulnerable, e de participación e corresponsabilidade educativa de todos os axentes que interveñen no proceso.
Colaboración con entidades de atención á diversidade
No eixo 1, de sensibilización sobre a importancia da cultura inclusiva, crearanse marcos de colaboración entre institucións e asociacións -tanto dentro de Galicia como con proxectos fóra da Comunidade estatais e internacionais- para facilitar o intercambio de recursos e experiencias co fin de abordar de maneira conxunta esta realidade.
Impulsarase, así mesmo, a cooperación con colectivos sociais a través de convenios específicos e desenvolverase unha campaña de difusión do modelo galego. E co Plan de nova arquitectura pedagóxica favorecerase o deseño de espazos cada vez máis inclusivos.
Outra das liñas de actuación é o recoñecemento de modelos de éxito nos centros, como exemplos de boas prácticas para o resto, achegando así experiencias previas que sirvan de modelo. Isto inclúe, entre outros, a elaboración dunha guía, a consolidación do programa de centros referentes e o Premio de boas prácticas de educación inclusiva.
Facilitar a permanencia do alumnado no sistema
No eixo 2, de fomento da permanencia do alumnado do sistema educativo, a estratexia recolle medidas para favorecer a continuidade dos estudantes a través dunha oferta formativa atractiva, sobre todo no eido da formación profesional, de itinerarios formativos adaptados aos ritmos e ás necesidades dos alumnos. Así mesmo, impulsarase a FP básica adaptada mencionada. Neste eido inclúese tamén reforzar o acompañamento nas traxectorias educativas do alumnado en risco de repetición ou de abandono a través do Plan FPGal 360 de orientación profesional integral, aprobado recentemente.
Coa mesma finalidade de permanencia no sistema, consolidarase a Rede de acompañamento e orientación persoal e familiar de Galicia, logo do seu bo funcionamento nos últimos cursos; crearase a Rede galega de aulas hospitalarias e optimizarase a coordinación deste servizo; actualizarase o Protocolo para a prevención e o control do absentismo escolar e reforzaranse as comisións provinciais neste eido para acompañar nas traxectorias educativas do alumnado en risco de repetición e abandono.
Neste punto prevese tamén a dotación de profesorado de reforzo para aqueles centros educativos en que se detecte a necesidade de mellorar o nivel das competencias clave do seu alumnado, de acordo cun procedemento regrado, así como o desenvolvemento de accións dentro do Programa de apoio ao alumnado estranxeiro ou para aqueles que se atopen en situación de acollemento familiar ou en garda con fins de adopción. Por último, impulsarase o papel das ANPA nos espazos de representación institucional.
Outra das novidades, tal e como indicou Rueda, é a posta en marcha de dous “programas piloto” de apoio “a alumnos de ESO de etnia xitana e estudantes de altas capacidades”. Por unha parte, estará Impulso mentor, para o desenvolvemento persoal e académico do alumnado de etnia xitana que está a cursar a etapa de ESO, en colaboración coas asociacións representativas deste colectivo. Tamén se potenciará o programa de Bibliotecas Inclusivas e desenvolveranse novos protocolos de actuación para atender a diversidade.
E, por outro lado, o alumnado de altas capacidades será outro dos destinatarios do plan, cun programa de resposta de carácter voluntario que atenda as súas necesidades para promover un desenvolvemento integral, intelectual e emocional. Tamén se creará o programa piloto Sen límites para a inclusión, dirixido a estudantes de 5º e 6º de primaria e de 1º e 2º da ESO, que desenvolverán obradoiros para traballar o respecto e valorar as diferenzas.
Normativa adaptada ás novas realidades
No eido 3 faise énfase na revisión da normativa en materia de inclusión e que esta se actualice e se adapte á evolución das necesidades da comunidade educativa. Isto implica o reforzo dos procedementos de dotación de persoal especializado (como son os docentes de pedagoxía terapéutica e audición e linguaxe), a actualización da Rede de orientación educativa ou facilitar unha escolarización á carta, que atenda as casuísticas do alumnado e a preferencia das súas familias, apostando pola educación combinada para compartir actividades e espazos e a identificación de centros preferentes que destaquen polo seu bo traballo en determinados ámbitos. Tamén o desenvolvemento de marcos reguladores propios en favor da inclusión no referido a cuestións como a FP básica adaptada ou o asesoramento por parte dos centros de educación especial a centros ordinarios.
Previr o abandono a través da intelixencia artificial
O eixo 4, aproveitando o proxecto EdugalIA que acaba de ser cofinanciado a nivel estatal como o proxecto educativo máis innovador de España, céntrase na optimización da xestión educativa a través da intelixencia artificial, o que facilitará a toma de decisións do alumnado e a comunicación entre as familias, os centros e a Administración.
Así mesmo, permitirá facer un seguimento da redución do abandono escolar mediante o emprego de técnicas analíticas avanzadas. Neste eixo inclúese a optimización do funcionamento dos departamentos de orientación coa nova ferramenta Galiorienta.
Diálogo entre os centros educativos e as facultades
O eixo 5 recolle o desenvolvemento das competencias profesionais docentes potenciando a relación entre a formación inicial do profesorado e a formación permanente co fin de enriquecer a súa práctica. Isto é, que o profesorado conte cunha formación inicial sólida que lle asegure as ferramentas necesarias para afrontar a diversidade da aula e os retos do sistema educativo, así como cunha formación especializada no campo da inclusión.
Neste senso, promoverase o diálogo entre as facultades de educación e os centros e coordinarase coas universidades a incorporación da perspectiva inclusiva e as metodoloxías correspondentes nos programas formativos do Máster universitario en profesorado de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, FP e ensinanzas de idiomas, o reforzo da formación continua do profesorado no Plan anual de formación do profesorado e a consolidación da celebración anual do Congreso de Educación Inclusiva.
Finalmente, a estratexia péchase co eixo 6, centrado no seu desenvolvemento cun calendario para a súa avaliación, o grao de cumprimento e as posibles revisións.