A Xunta recibe 9 ofertas para a construción do novo colexio do Milladoiro, no concello de Ames, no que se investirán 12,1 M€
Trátase do primeiro centro construído integramente en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e dá resposta á necesidade de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico
O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI
A Xunta recibiu 9 ofertas para a execución das obras do novo colexio do Milladoiro, no concello de Ames, na que se investirán 12.129.976 euros.
Este contrato, para o que a Xunta incrementou o seu orzamento inicial en algo máis de 2,3 M€ para atender ao incremento dos prezos dos materiais, ten como obxectivo impulsar o primeiro centro construído integramente en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, cumprindo así a Xunta o seu compromiso para dar resposta á necesidades de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia.
Esta obra, que licita a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas será sufragada con fondos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, co cofinanciamento dos fondos europeos.
O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI.
Cunha superficie construída de 4.384,73 m² distribuída en dous andares, o centro contará con seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.
A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a Anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.
De acordo co establecido no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, o centro estará dotado dun foro multifuncional que servirá como espazo de aprendizaxe aberto. Situarase no espazo central do primeiro andar, entre as aulas de Primaria e as de desdobre, creando unha relación entre as diferentes estancias e conectándose co patio mediante unha gran fiestra protexida da incidencia do sol.
Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.
Accesible
A accesibilidade do edificio proponse desde un punto de vista universal e inclusivo, evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Deste xeito, o proxecto propón itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación más sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinalética de gran tamaño e cor facilmente visibles.
Ademais, tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.