A Xunta premia o instituto Castelao de Vigo e o colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerdeda no concurso das Letras Galegas 2025 dedicadas ás cantareiras

Valentín García celebra a “implicación e compromiso” das xeracións máis novas por difundir a relevancia das homenaxeadas e da súas achegas ao patrimonio inmaterial

O certame está convocado polas consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

Trátase de dúas exposicións centradas na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa na que viviron as protagonistas

Lun, 05/05/2025 - 16:08
Cartel do días das letras galegas falando dunhas cantareiras

A Xunta de Galicia deu a coñecer os centros educativos gañadores do concurso do Día das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras e a poesía popular, que recaeron no colexio Celso Emilio Ferreiro de Cerdeda, na Coruña, e no instituto Castelao, de Vigo. Precisamente, neste último foi onde se celebrou o acto de entrega do premio na modalidade de Ensinanza Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, no que participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García.

 

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude puxo en valor este concurso para achegar “a relevancia das homenaxeadas e das súas achegas ao patrimonio inmaterial” entre as xeracións máis novas, das que gabou a “súa implicación e compromiso” con esta difusión, a través das propostas recibidas no concurso dunha “calidade admirable”.

 

Ao respecto, lembrou que esta iniciativa, convocada polas consellerías de Cultura, Lingua e Xuventude e a de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, convidaba o alumnado a elaborar unha exposición centrada na obra, a época e a situación sociolingüística da etapa na que viviron as protagonistas.

 

Precisamente, Valentín García salientou a “beleza estética e a harmonía” de ambas as dúas exposicións, tanto na modalidade do instituto Castelao que gañou co proxecto Canta que cadramos ben, como na categoría de Educación infantil e Primaria, onde resultou gañadora a do colexio Celso Emilio Ferreiro coa mostra que leva por título Cantareiras: poesía popular oral. As dúas iniciativas están complementadas, ademais, cunha guía didáctica.

 

En concreto, á mostra Canta que cadramos ben valorouse, á hora de outorgarlle o premio na súa modalidade, que ofrece un contidos capaces de configurar distintos aspectos do panorama tradicional, coa poesía popular oral e as cantareiras como un canto ao pasado máis inmediato pero tamén ao presente. Mentres, na exposición Cantareiras: poesía popular oral fíxose fincapé no seu carácter integrador e inclusivo co emprego de técnicas e recursos diversos, entre os que se atopan códigos QR ou pictogramas.

 

Con esta convocatoria, o Goberno galego pretende impulsar a achega da mocidade a esta manifestación da cultura popular, xa que se lles propuxo que profunden na importancia dos cantos e da tradición oral para a lingua galega ao longo da historia e no labor fundamental das mulleres como transmisoras desta riqueza inmaterial.

 

Cómpre salientar que, ademais de potenciar o estudo da época e propiciar unha reflexión sobre a lingua e a sociedade do momento, enriquecendo o seu coñecemento, os participantes tamén terán un premio económico de 2.000€ por categoría.

 

Letras Galegas 2025

Con motivo do Día das Letras Galega réndese homenaxe ás cantareiras Adolfina e Rosa Casás (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e ás Pandereteiras de Mens, Manuela Lema Villar, Prudencia e Asunción Garrido Ameijende, de Malpica de Bergantiños.

 

Adolfina (1912-2009) e Rosa (1913-2005) eran tía e sobriña, coñecidas na contorna pola súa arte como cantareiras e tocadoras. Rosa emigrou a Inglaterra nos 60 e nos anos 80 as dúas volveron xuntarse recobrando o seu xeito de tocar.

 

Eva Castiñeira (1926-2010) era veciña do lugar de Agranzón en Muxía e cantaba desde pequena nas romerías. Convidada polo grupo Milladoiro, foi a primeira pandereteira en subir a un escenario cun grupo folk, nun concerto celebrado no pavillón de deportes da Coruña.

 

As Pandereteiras de Mens foron cinco labregas desta parroquia malpicá. Dúas delas (Adela e Teresa) non poden ser homenaxeadas o falecer hai menos de dez anos. Recibirán o recoñecemento Prudencia Garrido (1905-1993) e a súa irmá Asunción Garrido (1915-2007), ademais de Manuela Lema Villar (1913-1993). Cando algunha xa superaba os 80 anos, viaxaron por Europa e América coa súa música acompañando, a partir de 1972, a Agrupación Folclórica Aturuxo.