A Consellería de Cultura e Educación apoia o uso do galego entre os máis novos a través do Festival de Cine de Ourense

O certame de cinema OUFF Escola 2012 é unha das liñas de apoio ao festival, unha cita que contará cando menos cunha achega económica de 38.000 euros por parte da Consellería

Dom, 29/04/2012 - 09:45

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia, un ano máis, o Festival Internacional de Cine de Ourense, a importante cita do cinema que chega este ano á súa décimo sétima edición e se desenvolverá no mes de outubro na cidade das Burgas. Así, a Consellería - a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística- vén de presentar o IV Certame de Cinema OUFF Escola 2012, que convoca conxuntamente co Consorcio para o Festival Internacional de Cine de Ourense e a Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Ourense en colaboración con Ponte... nas Ondas.

Trátase dunha das liñas de apoio a este festival, que contará este ano cunha achega económica de polo menos 38.000 euros, dos que 3.000 corresponden ao achegado a OUFF Escola. Os restantes 35.000 euros corresponde á achega feita a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), co que se revalidaría a mesma cantidade outorgada para a edición de 2011 do OUFF, sen prexuízo de poder incluso incrementala segundo a dispoñibilidade orzamentaria anual.

OUFF Escola 2012

OUFF Escola é un certame de curtametraxes en galego encadrado dentro da Directiva Europea de Alfabetización Mediática, que procura darlles formación aos mozos sobre o coñecemento e a avaliación do audiovisual. Os seus obxectivos son impulsar o uso do idioma galego entre a mocidade, coñecer a visión desta sobre o seu contorno sociocultural e fomentar a creatividade audiovisual e o traballo en equipo nunha linguaxe atractiva para o alumnado que contribúa a xerar un espírito crítico. O certame pretende, así mesmo, potenciar o uso das tecnoloxías da información e da comunicación nos centros de ensino e crear un espazo de referencia para a mostra do audiovisual feito nas aulas.

Está destinado a alumnado de centros de ensino non universitario, que poderá participar en dúas categorías: infantil e primaria ou ben resto de niveis de ensino, agás as escolas oficiais de imaxe e son. Os participantes poderán estar matriculados en centros públicos ou privados de Galicia, en centros de fóra de Galicia que impartan materias de ou en lingua galega e naqueloutros centros que participen no proxecto Ponte... nas Ondas!

A novidade da IV edición do Certame OUFF Escola, propiciada pola participación, este ano, da iniciativa Ponte... nas Ondas!, é a ampliación do concurso a escolas do ámbito lusófono, poderán presentar os seus traballos en portugués.

As bases completas do concurso, así coma o formulario de inscrición, poden verse na páxina web oficial do OUFF Escola: www.ouff.org.

Promoción do galego no ámbito audiovisual

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, tamén promove o cinema como ferramenta de dinamización lingüística entre os máis novos noutros proxectos, como o envío de material audiovisual de distinto tipo ás aulas; o programa Nós tamén creamos!, destinado á elaboración de curtas de animación en galego en cincuenta centros de infantil e primaria ou a actividade Galego de cine, que está percorrendo case cen concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística no marco do programa FalaRedes.

Dende a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación considérase que, deste xeito, a Xunta de Galicia segue o espírito e a letra do Plan xeral de normalización da lingua galega, que recolle entre os seus obxectivos o de potenciar, xa dende a escola, a creatividade no noso idioma.

A relación do galego co audiovisual nas aulas propicia que os escolares melloren a súa competencia lingüística ao expresárense neste idioma en contextos e soportes variados, entre os que non pode faltar, pola súa especificidade e pola importancia que adquiriu na sociedade da información, o audiovisual. Por outra banda, favorece que as novas xeracións asocien o galego ás tecnoloxías e formas de comunicación máis innovadoras e interesantes para a mocidade, de xeito que o perciban tal como é: coma unha lingua  moderna e útil para expresarse en calquera contexto, soporte e situación.

Menús News node R