A Xunta felicita o Instituto Illa de San Simón de Redondela polos seus 25 anos de ensino de calidade

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acompaña a alumnado, docentes e familias no acto conmemorativo

Ven, 02/05/2025 - 12:45
IES Illa de San Simón de Redondela

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou hoxe nos actos conmemorativos do 25 aniversario do Instituto IES Illa de San Simón de Redondela. O representante da Xunta felicitou o centro “por este cuarto de século ofrecendo unha educación de calidade a varias xeracións de rapaces e rapazas de Redondela”.

Román Rodríguez puxo en valor o labor de toda a comunidade escolar neste tempo e animounos a seguir traballando “para continuar ampliando esta suma de alumnado, docentes e familias fondamente marcados polo papel deste instituto nas súas vidas”.

O acto do 25 aniversario contou coa participación de membros de toda a comunidade escolar e actuacións musicais. Ademais, plantouse unha árbore no xardín do centro, inaugurouse un mosaico conmemorativo e selouse unha cápsula do tempo que contén, entre outros obxectos, un xornal desa xornada, unha revista do instituto e un pen-drive con documentos do centro. Nestes días o instituto acolle tamén exposicións con motivo do aniversario, con fotografías, vídeos e murais, entre outros, que inmortalizan a súa historia.