O CPI do Toural (Vilaboa) e o CPR Madre de Dios (Barbadás), gañadores dos “Premios Valores de Futuro” do BBVA

No certame participaron 81 centros de primaria e 64 de secundaria de toda Galicia

Dom, 29/04/2012 - 09:50

Os colexios Toural (Vilaboa) e Madre de Dios (Barbadás) resultaron gañadores dos “Premios Valores de Futuro para Galicia” convocados polo BBVA. O xurado deu a coñecer os proxectos premiados logo de seleccionalos entre os finalistas de cada modalidade (tres en primaria e outros tantos en secundaria), que xa foran previamente escollidos polos membros do equipo pedagóxico de valores de futuro entre todas as iniciativas presentadas. Os gañadores obtiveron o veredicto final favorable grazas á calidade e á orixinalidade das súas propostas, ao nivel de implicación do alumnado do centro e ao seu nivel de reflexión crítica.

Na modalidade de secundaria, o colexio premiado foi o CPI do Toural (Vilaboa) cun traballo titulado “Red Hand Day”, que se desenvolveu fundamentalmente con alumnado de 1º da ESO. O traballo –que se pode consultar en: http://www.valoresdefuturo.com/es/participacion/57157 –pretendía concienciar sobre o traballo infantil e os dereitos do neno cunha proposta que reflectía a situación dos nenos da guerra e que procuraba estender a reflexión sobre a difícil realidade destes nenos a todo o centro escolar.  Como premio, o centro representará a Galicia na final estatal, que terá lugar o 24 de maio. O alumnado participante recibirá ademais unha estancia nun campamento de emprendemento social.

O gañador na modalidade de primaria foi o CPR Madre de Dios (Barbadás) cun traballo titulado “¿Qué es el dinero para mí?”. Este traballo realizouse con alumnado do 1º e 2º ciclo de primaria co obxectivo de concienciar os máis pequenos do valor do diñeiro. Para conseguilo realizaron un xogo e un club do troco, actividades para coñecer como se produce a circulación do diñeiro, as moedas dos distintos países e outros aspectos que lles axudan a coñecer o valor da moeda en cada estado. Pódese consultar en internet: http://www.valoresdefuturo.com/es/participacion/57441

Como agasallo, o centro de primaria acollerá unha xornada de valores de futuro para presentar o traballo do centro dentro de toda a comunidade educativa. Ademais, cada alumno/a recibirá un xogo educativo para completar de xeito lúdico a súa formación no contorno familiar e mais unha edición especial de El Principito.

Os Premios Valores de Futuro (BBVA) realízanse desde hai 3 anos en España e Portugal e van dirixidos a alumnado de 6 a 14 anos. A intención destes premios é valorar a iniciativa dos centros na formación en valores e na educación financeira do alumnado. A Comunidade Autónoma de Galicia tivo en todas as súas edicións unha alta participación. Os centros aos que se dirixe o programa son os localizados no contorno das capitais de provincia.

Os centros participantes foron asesorados polos voluntarios dos premios, que orientan os centros para que escollan e desenvolvan algunha das propostas que se presentan en cando menos 1 dos 62 talleres que se presentan no proxecto Valores de Futuro. Nesta edición participaron 81 centros de primaria e 64 de secundaria de toda Galicia. A edición do ano que vén, que xa será a cuarta, anunciárase en setembro de 2012.