Rueda destaca que o Camiño é unha das maiores expresións da Galicia Calidade
Subliña a contribución da mocidade galega a facer das rutas xacobeas “algo vivo, que se inventa todos os días” e adianta que abril pechará cun novo récord de peregrinos
Convida a seguir facendo do Camiño “unha historia de cada un e unha historia de Galicia”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no acto de entrega dos IV Premios Escola en Camiño, un certame convocado por Prensa Ibérica que busca achegar aos máis novos á riqueza cultural, histórica e humana do Camiño de Santiago. No encontro, no que estiveron presentes alumnos, docentes e familias, o presidente destacou que “esa Galicia Calidade que queremos levar a todas as partes ten no Camiño unha das súas maiores expresións”.
Rueda, que agradeceu a implicación e o talento dos participantes, que abranguen desde Primaria ata Bacharelato, subliñou a contribución da mocidade galega a facer das rutas xacobeas “algo vivo, que se inventa todos os días”, e adiantou que o mes de abril se vai pechar cun novo récord de peregrinos.
O presidente, que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, puxo en valor a iniciativa Escola en Camiño, subliñando que as creacións dos escolares (que inclúen debuxos, cancións, maquetas, vídeos, roteiros ou contos) permiten que a comunidade educativa deixe a súa pegada neste itinerario universal.
Neste sentido, o responsable do executivo autonómico fixo fincapé en que “o Camiño é superación, é amizade, é solidariedade, son ganas de aprender un pouco máis todos os días e vós facédelo posible”, convidando a todos os participantes a seguir facendo do Camiño “unha historia de cada un e unha historia de Galicia”.