Cultura e Educación promocionou a lingua galega en máis de 50 concellos da man de FalaRedes

O programa de dinamización lingüística impulsado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística chegou no primeiro mes e medio de andaina a máis de 50 concellos adheridos á Rede de Dinamización Lingüística

Durante o ano 2012, a Consellería que dirixe Xesús Vázquez chegará con FalaRedes a máis dun centenar de municipios, cun total de 250 accións dinamizadoras

A clave do éxito do programa de promoción do idioma baséase na colaboración, na cooperación e na coordinación entre as Administracións locais e autonómica

Dom, 29/04/2012 - 10:04
Cultura e Educación promocionou a lingua galega en máis de 50 concellos
Cultura e Educación promocionou a lingua galega en máis de 50 concellos da man de FalaRedes

O programa de promoción do galego FalaRedes, impulsado dende a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para as entidades locais adheridas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) chegou nos seus primeiros 45 días a máis de 50 concellos. Dende a súa posta en marcha no mes de marzo, as tres actividades gratuítas que compoñen FalaRedes difundiron unha imaxe positiva da lingua de Galicia entre a poboación mediante o cine, as historias orais e a música.

Cine, rap e debuxo para promover o galego

Esta fin de semana, FalaRedes desprazouse ata Baiona, Vilamarín e Toén en forma de caravana na que os cativos puideron gozar das mellores curtametraxes en galego antes de converterse en artistas da pantalla grande, elaborando entre todos os asistentes unha historia diante da cámara. Os resultados desta actividade, Galego de Cine, pódense consultar na web www.galegodecine.org

Os adolescentes, por outra banda, comprobaron a rítmica do galego en Títerehop, onde un profesor de luxo – García MC, de Dios ke te crew- impartiu un obradoiro no que os mozos aprenderon as técnicas do hip-hop e compuxeron as súas cancións. A seguir, e despois de construír un monicreque cantor coa compañía de Viravolta, os adolescentes de Valga e de Vilagarcía de Arousa demostraron diante da cámara o aprendido nas tres horas de actividade, que poden verse en www.youtube.com/titerehop

Para o público xeral, FalaRedes levou a Soutomaior, Betanzos e Bergondo O Señor das Dunas, un vello bibliotecario que fixo as delicias de adultos e pequenos coas súas historias narradas. Mentres, un discípulo recreou sobre a area todos os contos que transmitiu durante os 50 minutos de actuación. Ao remate, cada espectador recibiu un libro do espectáculo como agasallo. Tamén está a disposición dos máis interesados un manual para mellorar a arte de contar historias en http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/contos_arredor_microondas.pdf

250 actividades máis ata decembro

A Secretaría Xeral de Política Lingüística levará ata final de ano un total de 250 actividades con FalaRedes. Estas actividades espallaranse por un centenar de concellos pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, cun público potencial de 700.000 persoas (un terzo da poboación de Galicia). A finalidade do programa é incrementar o prestixio social do galego e favorecer a súa visibilidade nos distintos ámbitos sociais, así como promover novos espazos de uso. Deste xeito, dáse cumprimento aos obxectivos marcados no Plan xeral de normalización da lingua galega.

Os concellos que xa recibiron algunha das actividades de FalaRedes son Ames, Aranga, Arzúa, Avión, Baiona, A Baña, O Barco de Valdeorras, Barreiros, Bergondo, Betanzos, Boimorto, Boiro, Bueu, Cambados, Carral, Cotobade, A Estrada, Ferrol, Forcarei, Guntín, Lalín, Melón, Muíños, Ortigueira, Outeiro de Rei, Outes, Pereiro de Aguiar, Piñor, Ponte Caldelas, Ponteareas, Ribeira, Santa Comba, Sarreaus, Silleda, Soutomaior, Taboada, Teo, Toén, Valga, A Veiga, Vilagarcía de Arousa, Vilalba, Teo, Vilamarín e Xinzo de Limia.

Máis información e calendario para o próximo mes en www.xunta.es/linguagalega/falaredes

O neno que quería ter un nome

Menús News node R