Cultura e Educación participa na inauguración da exposición Do saudosismo ao atlantismo. De Teixeira de Pascoaes a Vicente Risco

O secretario xeral de Política Lingüística asistiu a este acto, celebrado en Allariz

A mostra está organizada polo Padroado da Fundación Vicente Risco, do que a Consellería é membro

Sáb, 28/04/2012 - 19:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participou hoxe no acto de inauguración da exposición Do saudosismo ao atlantismo. De Teixeira de Pascoaes a Vicente Risco, organizado polo Padroado da Fundación Vicente Risco – do que a Consellería é membro- en Allariz. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, representou a Cultura e Educación neste acto, onde destacou as posibilidades que nos ofrece aos galegos o contarmos cunha lingua propia próxima ao portugués, posibilidades “espirituais e culturais coma as que soubo ver Vicente Risco, pero tamén potencialidades económicas coma as que, uns anos máis tarde, resaltaría a persoa a quen este ano lle dedicamos o Día das Letras Galegas: Valentín Paz Andrade”.

Os actos desta tarde comezaron cunha ofrenda floral ao padre Feijoo na Alameda de Allariz que se completou cun recitado de poemas de Teixeira de Pascoaes. Posteriormente, xa na sede da fundación, inaugurouse a exposición cunha conferencia da profesora da Facultade de Letras da Universidade de Porto (Portugal) Luisa Malato, baixo o título A simpatía, do padre Feijoo a Teixeira. O programa da xornada rematou coa presentación da revista A Nova Águia, a cargo dos profesores da Facultade de Letras da Universidade de Porto, Celeste Natârio e Renato Epifânio.

Do saudosismo ao atlantismo. De Teixeira de Pascoaes a Vicente Riscopretende achegar ao público, especialmente estudantado galego, a relación intelectual e persoal entre Vicente Risco e os intelectuais portugueses ao longo da década do 1920. Partindo da correspondencia e das dedicatorias de libros, a exposición fai unha aproximación aos movementos culturais portugueses (nomeadamente Renascença Portuguesa e os seus órganos de expresión A Äguia e a Seara Nova), facendo fincapé na incidencia do saudosismo  na construción do pensamento risquián respecto do atlantismo. Deste xeito a mostra convértese nunha oportunidade para que alumnas e alumnos de centros educativos de Galicia se acheguen ás figuras de ambos os autores, que contribuíron de forma destacada ao enriquecemento das nosas letras.