Cultura e Educación incúlcalle o valor da auga aos máis pequenos a través do espectáculo ‘O día que chegou unha nube e choveu’, que tivo lugar no Museo de Galicia

Oitenta rapaces, acompañados dun adulto, participaron activamente nunha obra coa que comezar a construír unha conciencia ecolóxica e sostible

O día que chegou unha nube e choveu enmárcase na programación sostible que a Cidade da Cultura deseñou para o mes de abril con motivo do Día da Terra

Sáb, 28/04/2012 - 14:02

Sen auga non hai vida. Esta foi a mensaxe, tan sinxela como fundamental, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria lle trasladou hoxe aos máis pequenos a través do espectáculo teatral O día que chegou unha nube e choveu, que tivo lugar no Museo da Cidade da Cultura e coa que rapaces de 1 a 5 anos descubriron dunha forma divertida a importancia do valor da auga.

Da man da compañía Trompicallo, oitenta rapaces acompañados dun adulto asistiron a este coidado espectáculo de pequeno formato no que, a través de marionetas, unha actriz foi narrando o que sucede cando un día a auga aparece nun lugar no que non había nada e como a vida, con todos os seus matices, fai acto de presenza. A obra, de trinta minutos de duración, está pensada para gozar cos cinco sentidos e para que os nenos aos que vai dirixido non só sexan espectadores, senón que se sintan parte da historia e participen de forma activa, facilitando que comece a calar neles unha conciencia ecolóxica e sostible dende os primeiros anos de vida.

Día da terra

O espectáculo O día que chegou unha nube e choveu, que se representou hoxe en dous pases, enmárcase na programación sostible que a Consellería de Cultura e Educación promoveu na Cidade da Cultura durante o mes de abril con motivo da celebración o domingo 22 do Día da Terra, unha xornada coa que se pretende chamar a atención sobre os problemas ambientais que poñen en perigo o noso planeta e que busca fomentar unha maior conciencia ecolóxica. Para conmemorar esta data, ademais do espectáculo de hoxe, a Cidade da Cultura acolleu durante as fins de semana de abril actividades coas que pequenos e adultos aprenderon prácticas sostibles a través de divertidos xogos, obradoiros e representacións teatrais.

Esta programación comezou o sábado 7 e o domingo 8 de abril coa actividade Cidade de cartón, un obradoiro no que rapaces de 6 a 14 anos descubriron os múltiples usos que ten este material co que “reinterpretaron” o complexo do Gaiás. O programa ambiental completouse coa actividade Xogando co medio, na que nenos e adultos tiveron a oportunidade de convertirse ao longo de dous domingos en inspectores ambientais, crear xoguetes e agasallos para os seus amigos e familiares a partir de residuos e ir superando probas coas que aprender trucos para coidar o planeta día a día.