A Xunta adquirirá 3.600 novas unidades de material, mobiliario e equipamento para os centros educativos

Licita cinco contratos por preto de 2M€ divididos en 49 lotes para mellorar o material didáctico, deportivo, de laboratorio e cociña dos centros

Entre o material didáctico inclúense elementos para traballar con alumnado con necesidades especiais, matemáticas ou ciencias, entre outros

Tamén se mercarán mobles para aulas polivalentes, bibliotecas e zonas administrativas e de reunión de acordo co Plan de nova arquitectura pedagóxica

Dom, 27/04/2025 - 10:26
Material

A Xunta de Galicia vai mellorar a dotación dos centros educativos galegos coa adquisición de case 3.600 novas unidades de material, mobiliario e equipamento. Con este fin, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de licitar cinco contratos, divididos en 49 lotes, cun investimento próximo aos 2 millóns de euros.

Trátase de material didáctico, deportivo, de laboratorio e de cociña, así como mobiliario para equipar aulas polivalentes, bibliotecas e zonas administrativas e de reunión de acordo co Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta da Xunta dotada con 500M€ de investimento para actualizar e modernizar os recintos educativos.

O contrato de maior envergadura, de case 625.000€ e 15 lotes, prevé a compra de 1.254 unidades de material didáctico para centros de Infantil, Primaria, Secundaria e Educación Especial. Isto inclúe 29 tipos de elementos diferentes, con material para atención á diversidade (psicomotricidade, apoio á Pedagoxía Terapéutica e equipos de motricidade) e materiais para a aprendizaxe de matemáticas, xogos de lóxica, globos terráqueos, quebracabezas, instrumentos para ritmo ou parques de exteriores, entre outros.

Mesas de ping pong, encerados, bombas de baleiro, fornos...

Cun orzamento de case 500.000€ e 16 lotes, licítanse 1.013 unidades de material deportivo para centros de Primaria e Secundaria, que abrangue 16 categorías distintas. A través deste contrato adquiriranse porterías de baloncesto, minibasket e balonmán, bancos, mesas de ping pong, colchonetas ou espaleiras, entre outros.

Os contratos inclúen tamén tres lotes para o subministro de 129 unidades de material de laboratorio para centros de ESO e Bacharelato, cun orzamento de 200.000€. En concreto, mercaranse vitrinas de gases con filtro, armarios de seguridade dos produtos, lava ollos de sobremesa, espectofotómetros, termostatos de inmersión, bombas de baleiro e equipos de electricidade e electrónica, de mecánica e acústica e de óptica.

No que atinxe ao equipamento, destínanse 260.000€ á licitación de seis lotes para a adquisición de 84 unidades de equipos de cociña para os centros de Primaria. O contrato inclúe 14 categorías de aparellos, como frigoríficos, cociñas, fornos, mesas de traballos, lavalouzas ou campás extractoras, entre outros.

Finalmente, adquiriranse 1.100 unidades de mobiliario diverso para as aulas polivalentes, bibliotecas e zonas administrativas e de reunión dos centros educativos de Infantil e Primaria. O contrato está dividido en nove lotes por importe de 260.000€.

A través del, adquiriranse encerados brancos, mesas de oficina con cadeiras, mesas de ordenador para os profesores, cadeiras regulables en altura e tapizadas, armarios, estantes clasificadores e carros con coxíns, entre outros materiais.