A Xunta de Galicia amosa a súa satisfacción pola emenda presentada polo Grupo Parlamentario Popular no congreso para igualar a achega da RAG á das academias vascas e catalá

Isto prodúcese tras as xestións realizadas pola Xunta, tras o compromiso adquirido co presidente da Real academia Galega

Ven, 27/04/2012 - 20:25

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere amosar a súa satisfacción pola emenda presentada hoxe polo Grupo Parlamentario Popular no Congreso dos Deputados para igualar a achega da Real Academia Galega á das academias do País Vasco e Cataluña. Deste xeito, queda de manifesto o compromiso do goberno da Xunta con esta senlleira institución, de valor fundamental para a nosa lingua e a cultura galega.

Este paso prodúcese tras o compromiso adquirido polo propio presidente da Xunta coa Real Academia Galega de transmitir ao Goberno central a necesidade de incrementar as achegas destinadas a este organismo nos Orzamentos 2012. Tras ter coñecemento da presentación da emenda, a Xunta de Galicia informou deste feito ao propio presidente da RAG, Xosé Luis Méndez Ferrín.

Nas próximas semanas producirase o debate da emenda, para poder proceder posteriormente á súa votación, e ser incorporada aos devanditos orzamentos.