Cultura e Educación impulsa os primeiros servizos lingüísticos compartidos na Rede de Dinamización Lingüística

O secretario xeral de Política Lingüística visitou hoxe o concello de Vilamarín, no que recentemente se creou un servizo lingüístico compartido co Concello da Peroxa

Valentín García e o alcalde, Amador Vázquez, presentaron en rolda de prensa a actividade ‘Galego de cine’, que dinamizará a lingua entre os máis pequenos esta fin de semana

A Consellería aposta pola prestación conxunta de novos servizos lingüísticos para estender a dinamización social do galego a todo o territorio

Ven, 27/04/2012 - 18:10
Rede de Dinamización Lingüística
Cultura e Educación impulsa os primeiros servizos lingüísticos compartidos na Rede de Dinamización Lingüística

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está a impulsar a prestación conxunta de novos servizos lingüísticos para estender a dinamización social do galego a todo o territorio. Neste marco, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, tivo ocasión de coñecer hoxe en Vilamarín - de man do alcalde, Amador Vázquez- as accións de dinamización do galego que están a poñer en marcha xunto co concello da Peroxa, logo da recente creación do servizo lingüístico, nos ámbitos dos servizos sociais, da xuventude, da infancia e tamén no socioeconómico.

O secretario xeral de Política Lingüística e o alcalde de Vilamarín, presentaron ademais en rolda de prensa “Galego de cine”, unha das tres actividades gratuítas que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a levar por Galicia no marco do programa FalaRedes, e que chegará mañá a este concello a partir das 18:00 horas. Na presentación, que tivo lugar na Casa da Cultura, participaron tamén a concelleira de Cultura, Marina Rodríguez; e Xoán Mariño, responsable da empresa xestora da actividade, Mr Misto Filmes.

Valentín García fixo fincapé durante a súa intervención en que “Galego de cine chega esta fin de semana a un dos concellos da Rede de Dinamización Lingüística que apostan, igual que o fai a Xunta de Galicia, pola posta en marcha de servizos compartidos e pola súa eficiencia”, e tamén en que “hoxe podemos dicir que desde esta Rede fomos pioneiros en promover a colaboración e a cooperación das administracións desde o ámbito da dinamización da lingua”. En palabras do secretario xeral “Vilamarín, xunto coa Peroxa, constitúe unha referencia necesaria na prestación de servizos lingüísticos para toda a cidadanía, independentemente do tamaño e dos recursos do concello no esta que viva”.

Na xuntanza previa, o secretario xeral Xoán Mariño, responsable da actividade Galego de cine, explicou que, no marco de FalaRedes, os vilamarineses máis pequenos terán ocasión de converterse en espectadores das mellores pezas cinematográficas en galego antes de crear a súa propia peza nun videomatón.

FalaRedes continúa polos concellos da RDL

Ademais de Vilamarín, esta fin de semana a caravana de Galego de Cine fará as delicias dos máis pequenos nos concellos de Baiona e Toén promocionando o idioma a través da séptima arte. As pezas gravadas cos rapaces estarán ao dispor do público na web www.galegodecine.com .

Por outra banda, os adolescentes de Valga e Vilagarcía poderán aprenderán as técnicas do hip-hop e os monicreques con Títerehop, nunha actividade composta por obradoiros que instrúen aos rapaces nestas dúas artes e que teñen uns profesores de luxo: García MC, cantante  de Dios ke te Crew, e os titiriteiros de Viravolta.  Ao final da actividade gravaranse as pezas creadas polos adolescentes e interpretadas polos monicreques, que serán colgadas en: http://www.youtube.com/titerehop

O Señor das Dunas, outra das actividades que compoñen FalaRedes e que está enfocada para o público xeral, chegará a Soutomaior, Betanzos e Bergondo. Neste espectáculo, un contacontos adentrará ao público no mundo das historias mentres un alumno aventaxado ilustra na area as accións a medida que as vai narrando. Ao remate, cada espectador recibirá como agasallo un libro que recolle os cinco contos da actuación, e se porá ao dispor dos máis interesados un manual para afondar na vella arte de contar historias en: http://www.xunta.es/linguagalega/arquivos/contos_arredor_microondas.pdf

Todas as novidades sobre o programa FalaRedes pódense seguir a través de http://www.xunta.es/linguagalega/falaredes ou nas redes sociais.

Cooperación entre administracións

O programa FalaRedes intégrase dentro das liñas de actuación que a Secretaría Xeral de Política Lingüística ten planificadas para a Rede de Dinamización Lingüística, unha iniciativa impulsada polo Goberno galego para mellorar e garantir a coordinación, a cooperación e a colaboración entre as administracións autonómica e local en favor da dinamización social da lingua galega.

A través do programa FalaRedes, a Consellería que dirixe Xesús Vázquez ten como obxectivo principal crear espazos de uso e aprendizaxe da lingua galega vencellados ao lecer, á modernidade e aos intereses de todos os públicos -mediante cadansúa actividade- co fin de promover unha imaxe positiva do galego e de sensibilizar sobre a utilidade e o valor do idioma propio de Galicia, de acordo cos obxectivos emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega.

Menús News node R

Departamento