Cultura e Educación recorda que as medidas adoptadas no que vai de lexislatura a prol da mellora do ensino permite unha maior flexibilidade na aplicación de axustes

A Consellería explicou onte na mesa sectorial que nin vai incrementar a ratio de alumnos por aula nin vai eliminar a esixencia de que os institutos que impartan bacharelato teñan que ofertar dúas modalidades

Ven, 27/04/2012 - 15:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recorda á Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público que son precisamente as medidas adoptadas no que vai de lexislatura a prol da mellora da calidade do ensino as que permiten a Galicia unha maior flexibilidade na aplicación dos axustes derivados do Real Decreto 14/2012, do 20 de abril, de medidas urxentes de racionalización do gasto público no ámbito educativo. Neste sentido, cómpre lembrar que a Consellería explicou onte mesmo ás organizacións sindicais – das cales a Confederación Intersindical Galega (CIG) é asinante do manifesto que vén de facer público a devandita plataforma- que non está previsto aumentar a ratio de alumnos por aula nos centros educativos galegos, co que Galicia seguirá a ser unha das Comunidades Autónomas coa ratio de alumnos por aula máis baixa do Estado, así como entre as máis baixas de Europa.

Así mesmo é preciso recordar que na mesma mesa sectorial celebrada na tarde de onte se manifestou que a Consellería non aplicará a posibilidade aberta polo Ministerio de eliminar a esixencia de que neses centros se oferten, polo menos, dúas modalidades. Así as cousas, os centros galegos que impartan estas ensinanzas seguirán a ofertar, polo menos, dúas ramas.

Ademais, ambos os dous compromisos foron expresados no Parlamento de Galicia polo presidente da Xunta.

Diálogo e cooperación

A Consellería lamenta a actitude desta Plataforma, ao transmitir de forma intencionada á sociedade información que é totalmente falsa, con interese de politizar o ensino. Máis tendo en conta que, tras a mesa sectorial de onte, son perfectos coñecedores de cales son as medidas de axuste que non se van aplicar en Galicia, co que as súas declaracións teñen o único obxectivo de distorsionar a imaxe da que é a realidade do noso sistema educativo hoxe en día e o traballo da Consellería.

Neste sentido, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad reafirma o seu firme compromiso co sistema educativo galego, e continuará a traballar na mesma liña a prol da súa mellora e o incremento da súa calidade. Non en balde, ademais de permitir hoxe afrontar os axustes nun escenario máis flexible - grazas ao traballo xa feito-, as medidas aplicadas no que vai de lexislatura contribuíron a que Galicia conte hoxe coa taxa de abandono escolar máis baixa da súa historia, despois dunha redución da mesma en 5,2 puntos porcentuais.

Con todo, a Consellería reitera a súa vontade de manter aberto o diálogo e a cooperación con todos os membros da comunidade educativa galega, grazas a cuxo esforzo e colaboración está a ser posible manter a calidade do noso ensino nestes tempos difíciles.