A Xunta dá luz verde a unha nova convocatoria de 17,6M€ para compra de libros de texto e material escolar da que se beneficiará o 70% do alumnado

Inxectaranse 1,6M€ adicionais no fondo solidario de libros, no que desde a entrada en vigor da nova lei educativa estatal se compraron máis de 400.000 manuais cun investimento de preto de 27 M€ para repartir gratuitamente aos estudantes

Distribuiranse vales de 60€ e 75€ para apoiar a adquisición de material educativo

As axudas para libros de texto nas primeiras etapas escolares, onde no se poden reutilizar de curso en curso, mantéñense nunha franxa de entre 160€ e 270€

Todo o alumnado de Educación Especial, así como aquel que teña necesidades específicas de apoio e un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% recibirá 300€

Lun, 14/04/2025 - 18:31
Libros

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde a unha nova convocatoria de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar no curso 25/26, unha liña de apoio ás familias que beneficiará a sete de cada dez alumnos en función do nivel de renda. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP mantén as melloras realizadas no sistema nos últimos anos ante a suba de prezos, co aumento das axudas aos estudantes. En conxunto, as tres liñas de apoio previstas suman un investimento de 17,6M€.

Ao abeiro das tres ferramentas que compoñen o sistema galego –vales para adquisición de material, axudas para a compra de libros e fondo solidario para prestar os manuais que se poden reutilizar–todas as familias que cumpran cos requisitos terán cuberto de balde os libros e material que precisen para os seus fillos, case na súa totalidade, apoiando máis a quen máis o necesita para garantir a igualdade de oportunidades.

No actual curso, 163.023 alumnos tiveron libros de balde a través do fondo, das axudas para a compra de manuais ou do programa de libro electrónico, o que supón o 70% do alumnado das etapas obrigatorias. Deles, 126.754 accederon tamén a vales de material.

Vales para material

No que atinxe a estes bonos, dirixidos a todas as familias con renda per cápita igual ou inferior aos 10.000€, mantéñense dúas categorías. Na primeira delas, para rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000€, o vale é de 75€. A segunda comprende as rendas superiores a 6.000€ e iguais ou inferiores a 10.000€, cun vale de 60€ por alumno.

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de Educación Especial e o alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que teña recoñecido un grao de discapacidade igual ou superior ao 33% será beneficiario desta axuda polo importe máximo de 75 €, con independencia da renda.

Fondo solidario de libros

O alumnado de todos os cursos entre 3º de Primaria e 4º de ESO poderá acceder ao fondo solidario de libros. Aqueles con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros teñen garantido o acceso a seis manuais; e no tramo de 6.000 a 10.000 euros, a catro. O alumnado en garda ou tutela da Xunta recibe seis libros con independencia da renda.

Tanto para acceder ao fondo solidario como para recibir as axudas de libros e material é requisito fundamental devolver os libros do curso anterior. Ademais, nos casos nos que o centro deba adquirir algún libro adicional por non ser suficientes os existentes no fondo, o Goberno galego aboa por cada libro complementario 40€ en Primaria e 45€ na ESO.

Nesta ocasión, e ao igual que no curso 24/25, non é preciso facer unha remuda ampla de libros, como si foi necesario nos cursos 22/23 e 23/24 por mor da implantación dos novos contidos debido á entrada en vigor da lei educativa estatal que mudou os manuais.

Axudas para adquirir libros

No referido ás axudas á compra de libros de texto, mantense invariable o seu funcionamento xeral, cos mesmos tramos de renda, consolidando o incremento de cursos anteriores, de entre 20€ e 30€ en función da renda familiar.

No caso do alumnado de 1º e 2º de Primaria (non incluídos no fondo porque os libros non son reutilizables), así como no caso do alumnado do resto dos cursos de ensino obrigatorio que non poida empregar libros do fondo, a axuda do primeiro tramo (igual ou inferior a 6.000€) é de 240€ e a do segundo (renda superior a 6.000€ e igual ou inferior a 10.000€) de 160€, en Educación Primaria. No caso da ESO, os importes sitúanse en 270€ no primeiro tramo e 180€ no segundo.

Ademais, blíndanse axudas de 300€ para libros para todos os alumnos matriculados en Educación Especial -en centros específicos ou en unidades de Educación Especial de centros ordinarios-, así como para os de Primaria ou da ESO que, tendo necesidades específicas de apoio educativo e un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, non poidan utilizar os libros de texto do fondo. Percibirán este importe con independencia da renda per cápita da unidade familiar. Ademais, cando este último colectivo poida utilizar libros do fondo solidario, recibirá o número máximo, seis, tamén con independencia da renda. Deste xeito o Goberno autonómico adapta a orde de axudas aos requirimentos legais no que atinxe ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta segue recibindo o importe do primeiro tramo, con independencia da renda, é dicir, 240€ en Primaria e 270€ na ESO.