Cultura e Educación amosa a súa satisfacción pola excelente acollida do audiovisual galego no Festival de Cine de Málaga

O acto ‘Galicia en Málaga’, organizado onte pola Consellería para promocionar os filmes galegos na mostra andaluza, congregou a un cento de profesionais, persoeiros e medios de comunicación de toda España e América Latina

As 17 producións seleccionadas este ano dan boa conta da excelente calidade e talento que posúe a industria cinematográfica galega

Os organizadores do festival valoran esta edición como unha das máis positivas, batendo “récords” de asistencia fronte a anos anteriores

Ven, 27/04/2012 - 12:22
Festival de Cine de Málaga
Cultura e Educación amosa a súa satisfacción pola excelente acollida do audiovisual galego no Festival de Cine de Málaga

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoiou un ano máis o audiovisual galego na XV edición do Festival de Málaga Cine Español (FMCE), que comezou o pasado 21 de abril e remata mañá sábado 28, a través dun programa de actividades de promoción, reunións de traballo e encontros con representantes do sector. Deste xeito, onte tivo lugar o acto ‘Galicia en Málaga’, organizado pola Consellería para contribuír á difusión dos nosos filmes dentro do festival andaluz, considerado como un referente de excepción para o cinema nacional.

Aproveitando a destacada participación dos filmes galegos na mostra deste ano, un total 17 obras entre a sección oficial e de exhibición, a Consellería organizou o acto ‘Galicia en Málaga’, que gozou de recoñecemento e dunha boa acollida por parte dos asistentes. O evento serviu para promocionar as nosas producións audiovisuais ante máis de cen profesionais, representantes do sector e medios de comunicación procedentes de toda España e América Latina. No acto participaron recoñecidos directores e produtores galegos como Xavier Villaverde, Pancho Casal e Chelo Loureiro, cuxos filmes forman parte dos seleccionados polo festival en varias categorías. Tamén asistiron diversos persoeiros e celebridades do mundo da cultura e o cine.

Na súa intervención, o representante da Consellería, Anxo Quintanilla, eloxiou o talento e creatividade dos profesionais galegos, así como a calidade das producións seleccionadas que “constatan a grande capacidade competitiva que posúe na actualidade a nosa industria audiovisual”. Asemade, a representación da Xunta de Galicia neste certame mantivo durante estes días reunións de traballo con asociacións e entidades audiovisuais, como o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), entre outras.

Dentro do programa de actos de difusión das producións galegas, destacan tamén os pases de prensa para os filmes El sexo de los ángeles (do director Xavier Villaverde e a produtora galega Continental) e O Apóstolo (dirixida por Fernando Cortizo e producida por Artefacto Producciones), que compiten na sección oficial. O primeiro tivo lugar onte rexistrando un importante éxito de crítica e público, mentres que o segundo debutará hoxe.

A través de todos estes actos de promoción e difusión, a Xunta de Galicia demostra unha vez máis o seu firme compromiso co cine galego, materializado tamén nas axudas á produción que concede a Axencia Galega das Industrias Culturais, e nas axudas á internacionalización do audiovisual da Consellería de Economía e Industria.

Destacada participación galega

Nesta XV edición do certame malagueño as producións galegas acapararon a programación cun total de 17 obras entre a sección oficial e a de exhibición, toda unha marca de participación que reflicte a excelente calidade e talento que posúe a nosa industria cinematográfica. Das 13 películas que compiten pola Biznaga de Ouro na ‘Sección Oficial’, sobresaen tres producións galegas: El sexo de los ángeles (do veterano realizador Xavier Villaverde) e O Apóstolo, (de Fernando Cortizo, director debutante en Málaga), que concursan pola categoría de longametraxes; e Anacos (do santiagués Xacio Baño) na de curtametraxes.

Na ‘Sección Documental’ aspiran a ser galardoadas dúas longas galegas: A muller do Eternauta (de Frida Films) e Nacional VI (da produtora Diplodocus Produción). Doutra banda, no apartado especial, exhibíronse os documentais Los días blancos (de José Manuel Mouriño) e Brasil somos nós (do director Robert Bellsolá e protagonizado polo músico Carlos Núñez).

Na nova sección específica de animación, ‘Animazine’, compiten 7 producións galegas: a  longametraxe Holy Night - Noche de ¿paz? (de Juan Galiñanes), cuxa proxección supón ademais a súa estrea mundial; e as curtasBirdboy (de Alberto Vázquez), premiada co Goya á mellor curta de animación; El club del bromista (do Estudio Luis Usón); O xigante (de Abano Producións); Rascayú (de Otii Planet);O Sapateiro e Vicenta (ambas de IB Cinema).

Na sección especial de ‘La cosecha del año’ exhibiuse o filme de animación Arrugas (da produtora coruñesa Perro Verde), recoñecida con dous premios Goya. Ademais, no apartado ‘Cine para la infancia: animación’, proxectouse outra película de produción galega: Copito de nieve. O filme galego Celda 211 (de Daniel Monzón) exhibiuse na sección ‘Homenajes: Premio Ricardo Franco-Academia de Cine. Roque Baños’.

Auxe da animación

Este ano organizouse a sección paralela especial ‘Animazine’, un novo apartado dedicado á animación, que contou coa colaboración do Festival con Diboos (Federación Española de Asociaciones de Productoras de Animación), debido ao gran momento que está a experimentar este xénero en España. Un bo exemplo da auxe da animación son as recentemente galardoadas producións galegas Arrugas e Birdboy, que este ano recibiron tres premios Goya e importantes recoñecementos a nivel nacional e internacional. Doutra banda, destaca a inclusión por primeira vez entre as longametraxes a concurso, dun filme deste xénero, O Apóstolo, da tamén produtora galega Artefacto Producciones.

Récord de asistencia

O festival de Málaga supón a mostra máis importante para o cinema nacional na que, ademais de proxectarse os filmes españois máis relevantes do ano, tamén se premia ás mellores producións, celébranse debates e encontros nos que se trata a situación actual do sector, así como clases maxistrais e outras actividades, co obxectivo de difundir e promover a cinematografía española.

Fontes da organización do festival valoran xa esta edición como unha das máis positivas da súa traxectoria. Segundo informaron dende a organización do festival, a mostra está rexistrar datos “moi bos” de espectadores, “sendo moi superiores aos de anos anteriores”. Así mesmo, destacouse tamén a especial acollida do apartado documental e da nova sección de animación, que mobilizou a moito público novo.

Menús News node R

Tema