A Xunta felicita ao centro de investigación CiMUS da USC e a Mabel Loza por acadar a prestixiosa distinción María de Maeztu

O Goberno galego celebra o recoñecemento estatal para este centro da Rede CIGUS, ao que leva destinados máis de 15 M€ para apoiar a seu labor na I+D+i

Xov, 10/04/2025 - 12:35
CiMUS

A Xunta de Galicia felicita ao Centro singular de investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela por acadar a prestixiosa distinción María de Maeztu, un programa estatal que recoñece aos mellores centros e unidades de investigación de España. Trátase dunha gran nova, mostra do excelente traballo que realizan os investigadores do CiMUS coa súa directora, Mabel Loza, á fronte.

Este centro forma parte da Rede CIGUS, composta polos centros de investigación universitarios máis excelentes de Galicia, do que forman parte 10 entidades e 1.600 investigadores. A Xunta de Galicia leva apoiado ao CiMUS no desenvolvemento da súa actividade investigadora con máis de 15 M€ para a adquisición de equipamento científico-tecnolóxico ou para o desenvolvemento da súa plataforma de descubrimento de fármacos Innopharma, entre outros.

O CiMUS é o segundo centro galego que obtén esta distinción, despois de que o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) da Universidade de Santiago o acadase en dúas ocasións, a última delas actualmente en vigor.

Desde o Goberno autonómico faise tamén unha mención especial ao Centro singular de investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS), da Universidade de Santiago, que logrou superar a primeira fase da convocatoria María de Maeztu.