A Xunta está a investir máis de 18M€ en 25 obras de ampliación, mellora e reforma en 22 centros educativos da Coruña
O conselleiro de Educación, acompañado pola delegada da Xunta na Coruña, anuncia a licitación da cuberta da pista exterior do instituto IES Salvador de Madariaga, que se suma a outras melloras no centro
O investimento na cidade herculina ao abeiro do Plan de nova arquitectura pedagóxica elévase a máis de 18,6M€
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, anunciou hoxe a licitación por máis de 511.000€ da cuberta da pista exterior do Instituto IES Salvador de Madariaga, da Coruña. Fíxoo nunha visita ao centro, acompañado pola delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, na que aproveitou para comprobar o avance das obras de renovación de cubertas, substitución de carpinterías e reparación de fachadas que se están a executar no instituto.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia destacou que esta nova obra forma parte dun paquete de 25 actuacións de ampliación, mellora e reforma en 22 centros educativos da cidade herculina, nos que o Goberno galego está a investir preto de 18,6M€ ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica.
Delas, hai seis intervencións xa rematadas, en concreto a reforma do salón de actos do Centro Integrado de FP Imaxe e son (927.000€), o cambio de fiestras do Instituto IES Agra do Orzán (291.000€) e as renovacións de cuberta do Colexio CEIP María Pita (369.000€) e dos IES A Sardiñeira (401.000€), Fernando Wirtz Suárez (598.000€) e Ramón Menéndez Pidal (724.000€).
Ademais, están xa en execución a rehabilitación integral do IES Plurilingüe Rafael Dieste (1,7M€), as melloras sectoriais no IES Salvador de Madariaga (1,7M€) e as obras para a instalación de ascensores nos CEIP Víctor López Seoane (73.000€), San Francisco Javier (198.000€) e nos IES Monte das Moas (70.000€) e Urbano Lugrís (63.000€). Están licitadas tamén as melloras sectoriais no IES Ramón Otero Pedrayo (544.000€) e a piques de licitarse a cubrición da pista cuberta do IES Salvador de Madariaga (511.000€).
No que atinxe ao resto das obras comprometidas, xa están redactados os proxectos para as rehabilitacións integrais dos CEIP Sagrada Familia (992.000€) e Plurilingüe Víctor López Seoane (867.000€), así como do CIFP Ánxel Casal - Monte Alto (2,4M€). Tamén os do peche lateral da pista cuberta do CEIP María Pita (200.000€), do cambio de cuberta do CEIP Sal Lence (215.000€), para completar o peche da pista cuberta do CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma (216.000€) e da reforma da cuberta dos talleres do CIFP Someso (100.000€). Así mesmo, está en redacción o proxecto da rehabilitación integral do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda (2,3M€).
A maiores, avánzase nos trámites previos para as obras de ampliación previstas nos CIFP Imaxe e Son (1,3M€) e Paseo das Pontes (500.000€) e no IES Agra do Orzán (1,25M€).
Este paquete de actuacións elevará a máis de 18,6M€ o investimento da Xunta nos centros da cidade da Coruña.
Actuacións no Salvador de Madariaga
No que atinxe á actuación anunciada hoxe, cun orzamento de 511.000€ a obra consiste en protexer unha pista exterior cunha cuberta de 685m² e altura libre de 7 metros. Executarase con estrutura portante de madeira laminada e cuberta de paneis sandwich e chapa branca microperforada. A previsión é iniciar a obra, que ten un prazo de execución de catro meses, entre agosto e setembro, co obxectivo de tela rematada para finais de ano.
Esta intervención súmase as obras que se están a executar xa no centro, por importe de preto de 1,7M€, con remate previsto tamén para finais deste ano. En concreto, estanse a renovar 1750m² de cuberta, así como os canlóns e baixantes, ademais de 255 fiestras e catro portas. O programa inclúe, a maiores, a reparación, limpeza e impermeabilización das fachadas e o seu pintado completo.