Cultura e Educación leva ata a Cidade da Cultura o ‘Programa ConCiencia’ coa conferencia do Nobel de Química Ei-ichi Negishi

O departamento de Vázquez Abad súmase ao ciclo da USC e o Consorcio de Santiago, que busca difundir o saber científico como unha forma máis de cultura

‘Catálise para un mundo próspero e sostible’ é o título da charla que impartiu o que foi Nobel de Química 2010 pola súa achega no campo da arquitectura molecular

O acto, de libre acceso e de balde, celebrouse ás 20:00 horas no edificio de Servizos Centrais, converténdose no primeiro evento público que ten lugar neste espazo

Xov, 26/04/2012 - 20:30

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria levou esta tarde ata a Cidade da Cultura o programa ConCiencia da USC e o Consorcio de Santiago, coa conferencia Catálise para un mundo próspero e sostible, que impartiu ás 20:00 horas o premio Nobel de Química de 2010, o xaponés Ei-ichi Negishi. O acto, de libre acceso e de balde, celebrouse no edificio de Servizos Centrais, converténdose así no primeiro evento público que acollen estas instalacións.

Negishi, galardoado por conseguir acoplamentos cruzados catalizados por paladio en síntese orgánica que deron lugar a estruturas moleculares máis complexas, disertou sobre a posibilidade de reciclar o dióxido de carbono que se emite á atmosfera e convertilo en combustible. Unha clara saída á crise enerxética actual e un dos principais retos da química orgánica sintética, segundo sinalou Negishi.

Na conferencia estiveron presentes o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; o rector da USC, Juan Casares Long; e o director do Programa ConCiencia, o profesor Jorge Mira.

Obxectivo de ConCiencia

Con esta colaboración, o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad súmase ao obxectivo de ConCiencia, que non é outro que o de difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que propicia o intercambio de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresaíntes do ámbito científico internacional.

“A Cidade da Cultura quere ofrecerse como un novo espazo que pon os seus recursos ao servizo dos que están a traballar pola creatividade, dende diferentes disciplinas artísticas, pero tamén polo coñecemento, sumándose a proxectos como neste caso é o de ConCiencia”, destacou a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño.

A presenza de Negishi en Santiago de Compostela inaugura a sétima edición do programa ConCiencia, que conta cunha apretada axenda que levará a este xaponés afincado en EEUU a manter dende reunións científicas na USC con persoal investigador, ata encontros con medios de comunicación e a conferencia pública que tivo lugar hoxe na Cidade da Cultura. Para esta visita, Negishi tivo un padriño de excepción: o catedrático de Química, Ricardo Riguera, tamén presente no acto.

A colaboración da Consellería de Cultura e Educación co programa ConCiencia, que coordina o profesor Jorge Mira desde o seu nacemento en 2006, non rematará coa conferencia de Negishi. O vindeiro mércores 9 (ás 20 horas) a Cidade da Cultura acollerá a presenza doutro premio Nobel, neste caso de Medicina, o británico Tim Hunt. O profesor Hunt estará apadriñado polo profesor da USC Anxo Vidal.

Nobel de Química 2010

Ei-ichi Negishi (Xapón, 1935), da Universidade estadounidense de Purdue, acadou en 2010 o Nobel de Química por conseguir acoplamentos cruzados catalizados por paladio en síntese orgánica. Isto permitiu o establecemento dunha nova arquitectura molecular, máis complexa, que mellorou moitos aspectos da vida, dende a agricultura á medicina. A maioría das moléculas que forman os sistemas vivos na Terra están compostas por cadeas de átomos de carbono dispostas en diferentes formas. Na busca de novos métodos para construír enlaces entre eses átomos, Negishi, un dos químicos orgánicos máis extensivamente citados, descubriu novas reaccións usando paladio e outros metais como catalizadores (elementos que fan unha reacción química sexa posible ou se realice máis rápido). Estas reaccións melloraron dun xeito asombroso tanto o potencial como a eficiencia da química orgánica sintética e contribuíron substancialmente a posibilitar a construción de moléculas máis complexas.

Menús News node R

Tema