A Xunta lanza unha enquisa ao profesorado que usa E-Dixgal como parte do proceso de actualización

Esta é unha das accións para mellorar o funcionamento do mesmo desde a evidencia científica e con diálogo entre o conxunto da comunidade educativa

Lun, 07/04/2025 - 16:44
Edixgal

A Xunta lanza unha enquisa entre o profesorado que emprega o programa E-Dixgal como unha das actuacións enmarcadas na folla de ruta da revisión e actualización deste proxecto que está a impulsar a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP co fin de reforzar o modelo híbrido de ensino, onde as metodoloxías de aprendizaxe tradicionais se combinan e complementan cos novos desafíos dixitais.

A enquisa está dirixida aos docentes de todos os niveis educativos que imparten algunha materia a través de E-Dixgal, e poderán cubrila en liña a través do seu correo electrónico entre hoxe luns e o venres desta semana.

Trátase dun cuestionario para avaliar o funcionamento do programa desde a perspectiva do profesorado e, por iso, faise fincapé en aspectos como os medios técnicos e servizos do proxecto (facilidade de uso, funcionamento da interface, dificultades técnicas...), calidade dos contidos, formación e asesoramento ou tempo de uso, entre outros. Así mesmo, a través desta enquisa, os docentes poderán responder a cuestións sobre a motivación dos estudantes, a mellora ou non da súa competencia dixital e formación, a repercusión no alumnado con necesidades educativas ou os procesos de avaliación.

O obxectivo é recompilar o maior número de datos obxectivos co fin de enriquecer o procedemento de revisión e actualización deste programa aos novos contextos, baseado en evidencias científicas e froito do diálogo entre o conxunto da comunidade educativa. Precisamente, en aras dese consenso, a revisión xa foi abordada no último Consello Escolar de Galicia e mantivéronse xuntanzas de traballo con representantes das anpas e das direccións dos centros educativos.

Cómpre lembrar que o programa E-Dixgal é unha ferramenta máis, voluntaria por parte dos centros educativos, dentro do amplo abano de accións dispoñibles ao abeiro da Estratexia de educación dixital 2030. Logo de máis de dez anos de funcionamento, ao longo dos cales se foron mellorando aspectos relativos á formación do profesorado e aos contidos, entre outros, cómpre reformular o modelo para garantir un correcto equilibrio na adquisición das competencias do alumnado, así como na igualdade de oportunidades nun mundo cada vez máis tecnificado.