A Consellería de Cultura e Educación licitará en outono as obras do novo colexio da parroquia de Nos, en Oleiros

O secretario xeral técnico mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Oleiros para informalo que a construción terá un orzamento de entre 3 e 3,5 millóns de euros

Xov, 26/04/2012 - 11:13

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Oitavén, informou hoxe ao alcalde de Oleiros, Ángel Seoane, de que a obra do novo CEIP de Nos será licitada en outono. O novo centro suporá a creación de 6 unidades de educación infantil e 12 unidades de educación primaria.

No mesmo encontro o secretario deu a coñecer que o importe da obra oscilará entre os 3 e os 3,5 millóns de euros. Na reunión tamén se lle transmitiu que onte celebrouse a apertura da mesa económica do procedemento de adxudicación no que figuran algunhas ofertas en baixa temeraria polo que a adxudicación producirase pasados dez días.

Ao mesmo tempo se lle recordou que esta fase de licitación do proxecto ten destinado un orzamento máximo de 106.517,02 euros. En total 25 empresas licitadoras presentaron as súas ofertas participar na licitación da adxudicación do contrato de redacción do proxecto básico e de execución.

O procedemento

Así cómpre recordar que desde o momento no que se proceda a formalización do contrato coa empresa que resulte adxudicataria é no prazo ofertado polo mesmo, que non será superior a dous meses, deberá procederse por parte dos redactores do proxecto á entrega dos exemplares requiridos que posteriormente serán obxecto de comprobación pola Unidade de Supervisión de Proxectos da Consellería, aos efectos da súa supervisión e posterior aprobación técnica polo órgano de contratación.

O obxectivo é poder licitar as obras no outono deste ano e a continuación iniciar o proceso de construción do centro educativo que dea resposta ás necesidades de escolarización do concello de Oleiros.

Deste xeito a Consellería deu cumprida resposta aos compromisos que tiña anunciados na anterior reunión co alcalde de Oleiros, celebrada no mes de agosto de 2011. Xa que logo deuse saída aos compromisos adquiridos naquel encontro reiterándose e o firme compromiso de acometer as obras de construción do colexio.

Menús News node R