Román Rodríguez apoia en Bruxelas o alumnado do IES Carlos Casares de Vigo que compite nunha feira científica cun motor de hidróxeno deseñado por eles
O equipo galego, integrado por cinco alumnos de Bacharelato, cunha proposta como alternativa sostible aos combustibles fósiles, mídese con 50 equipos de 15 países
O conselleiro de Educación salienta que a proposta é “un claro exemplo do talento científico” do ensino galego, que ostenta o mellor nivel de España nesta materia
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, apoia en Bruxelas a presentación a nivel europeo dun proxecto de innovación científica deseñado por un equipo de estudantes de Bacharelato do Instituto IES Carlos Casares, de Vigo, que participan na Expo Belgian Science que ten lugar entre hoxe e mañá na capital da UE.
O titular de Educación do Goberno galego aproveitou para felicitar persoalmente aos estudantes Anxo Lamela, Brais Outerelo, Daniel Rodríguez, Icía Carreira e Roque Miguéns, que se desprazaron a Bruxelas acompañados pola profesora Cristina Salgado, para presentar nesta feira o seu pioneiro motor de hidróxeno como alternativa sostible aos combustibles fósiles, que xa foi merecedor de galardóns a nivel nacional e internacional. Na súa visita á feira, estivo acompañado pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo.
Segundo Román Rodríguez, esta proposta “demostra o talento científico dos estudantes galegos”, na liña dos resultados do informe PISA que sitúa a Galicia como a comunidade autónoma co mellor nivel de ciencia de toda España e no oitavo posto a nivel mundial. “Para o sistema educativo galego é un gran orgullo estar nunha feira tan competitiva e prestixiosa coma esta”, abondou o conselleiro, quen aproveitou para loar a implicación, a capacidade creativa e a ilusión de alumnos e profesores que contan “con todo o apoio por parte da Xunta de Galicia”.
Compromiso adquirido en novembro
Non en balde este proxecto está aliñado coa folla de ruta da Consellería de fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas, áreas claves para o futuro de Galicia. O propio conselleiro coñeceu o proxecto nunha visita ao centro o pasado mes de novembro e comprometeuse a facer todo o posible para acompañalos na cita en Bruxelas.
O equipo do instituto vigués que representa a Galicia participa nesta mostra que cada ano organiza a entidade Xoves Científicos de Bélxica xunto con arredor de 50 equipos procedentes de 15 países, cos que poderán compartir opinións, experiencias e habilidades.
Resultados prometedores
O proxecto do equipo de alumnos do Instituto Carlos Casares combina o deseño dunha hidroxenera propia para producir hidróxeno e a adaptación dun motor de combustión para funcionar con este gas no canto de gasolina. Desta maneira, a tecnoloxía, que xera unicamente auga como residuo, aposta pola reciclaxe de vehículos actuais e a redución de materiais contaminantes.
Esta investigación, feita de principio a fin polos mencionados cinco estudantes, xa deu resultados prometedores e busca afondar no seu desenvolvemento grazas a novos apoios. Nesta liña, o equipo prevé unha visita a un centro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Valencia para mellorar o prototipo e avanzar na súa investigación.