A Xunta gaba as iniciativas do instituto Antonio Fraguas en prol da ciencia e dá a coñecer o labor do conservatorio a docentes de Murcia

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa visita o Club de Ciencia e o Polo Creativo do instituto compostelán

O director xeral de Centros e Recursos Humanos achégase ao conservatorio no marco do programa Observa_Acción

Mér, 26/03/2025 - 15:14
Observa_Acción

A Xunta de Galicia gabou hoxe o traballo do Instituto IES Antonio Fraguas Fraguas en prol da ciencia e deu a coñecer o labor do Conservatorio de Música Profesional a un grupo de docentes de Murcia. Por unha banda, a directora xeral de Ordenación e Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou esta mañá o Instituto compostelán, onde puido coñecer as diferentes iniciativas do centro en prol das vocacións científico-matemáticas, entre elas o club Fragoliños, o nome co que o centro participa na convocatoria de Club de Ciencias da Xunta.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP gabou o traballo do instituto compostelán a través desta actividade, promover capacidades, coñecementos e técnicas relacionada ca ciencia desde unha metodoloxía baseada na indagación e a aprendizaxe colaborativa. “Estes espazos funcionan cun método activo, propoñendo problemas ao alumnado para que desenvolvan habilidades para resolvelos”, explicou a directora xeral.

O Club de Ciencia chega este curso a un total de 17.681 alumnos, de 223 colexios e institutos de Galicia, dos que sete son composteláns. Así, ademais do Fraguas, participan nesta iniciativa os institutos IES Arcebispo Xelmírez I, Arcebispo Xelmírez II, Plurilingüe Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e de Sar e o Colexio CEIP Plurilingüe Mestre Rodríguez Xixirei. 

Durante a súa visita ao centro, a directora xeral interesouse tamén polo funcionamento do polo creativo, o espazo que a Xunta está a instalar en todos os centros para fomentar a creatividade, a resolución de problemas en diversos campos do saber e o desenvolvemento de competencias dixitais, científico-tecnolóxicas e artísticas. 

Funcionan como  un centro de actividades no que se traballa en equipo a intelixencia artificial, a realidade virtual ou a robótica, entre outras competencias e, para elo, están dotados con todo tipo de equipamento especializado e adaptado ás diferentes etapas educativas. 

Observa_Acción no conservatorio

Por outra banda, o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, recibiu hoxe un grupo de profesores de Murcia que están a coñecer o sistema educativo galego ao abeiro do programa Observa_Acción de intercambio de experiencias docentes, nunha visita a Conservatorio de Música Profesional de Santiago.

Procedentes do Conservatorio Profesional de Cartagena, os docentes están a coñecer de primeira man os diferentes programas nos que participan os centros educativos galegos e intercambiar boas prácticas. No conservatorio santiagués interesáronse por cuestións sobre a gobernanza do centro ou o sistema de xestión da calidade. Así mesmo, coñeceron os diferentes espazos do centro e o seu programa Ven ao Conser!!!, un curso preparatorio para as probas de acceso dirixido a nenos e nenas de 7 a 14 anos.

O programa Observa_Acción promove os intercambios de experiencias entre profesores e a creación de redes de aprendizaxe con centros tanto dentro de Galicia como con outras comunidades e países. O obxectivo é implementar innovacións pedagóxicas e promover a mellora continua do ensino. Na convocatoria actual participan 26 centros educativos galegos, que visitan centros de sete comunidades autónomas. Tamén se está a traballar na xestión da observación en centros educativos a nivel internacional.