A Xunta súmase á celebración do 30º aniversario do modelo de educación patrimonial Ponte... nas ondas!, recoñecido pola UNESCO

Representantes da Consellería de Educación asisten en Santiago e Vimianzo ao programa radiofónico especial entre preto de 70 centros de Galicia e Portugal

Mér, 26/03/2025 - 15:15
Ponte... nas ondas!

A Xunta de Galicia súmase aos actos de celebración do 30º aniversario de Ponte... nas ondas!, un programa pioneiro en educación patrimonial e cooperación transfronteiriza recoñecido pola UNESCO polo seu valor pedagóxico e cultural.

En representación da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, visitaron esta mañá en Santiago de Compostela e en Vimianzo, respectivamente, os puntos de emisión do programa radiofónico especial con motivo desta efeméride.

Preto de 70 centros educativos de Galicia e Portugal participan nesta maratón que ten como finalidade implicar ao alumnado na conservación das súas tradicións, reforzar os lazos coa lusofonía e impulsar a integración deste modelo no sistema educativo público. Os representantes da Xunta destacaron a importancia deste proxecto como un exemplo de boas prácticas en sensibilización co patrimonio desde a infancia e felicitaron á Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte... nas ondas! polo seu labor nestas tres décadas.

Programación especial

A programación especial, que se emite en directo durante máis de sete horas (de 09:00 a 16:30 h) a través do portal oficial, conta con conexións desde sete puntos de emisión: Lisboa, Valença do Minho, Vigo, Lugo, Ourense, Santiago e Vimianzo. Durante a xornada, os escolares participan en actuacións musicais, entrevistas a portadores do patrimonio (como artesáns e regueifeiros) e conversas con xornalistas e artistas galegos e portugueses, que se suman ao evento con testemuños e intervencións en directo. 

Cómpre subliñar o crecemento da iniciativa no ámbito escolar, xa que este curso incorporáronse nove novos centros educativos, sumándose aos 19 que xa viñan participando en anos anteriores. Os novos colexios e institutos que se unen ao programa son o Centro Público Integrado CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños),os colexios CEIP Plurilingüe da Ramallosa (Teo), CEIP Plurilingüe A Igrexa-Calo (Teo) e CEIP do Foxo (A Estrada), e os institutos IES Plurilingüe de Ames (Ames), IES de Ordes (Ordes), IES Eduardo Pondal (Ponteceso), IES Alexandre Bóveda (Vigo) e o IES Valadares (Vigo).