O conselleiro de Cultura e Educación salienta no Parlamento que as medidas adoptadas nestes anos permítenlle a Galicia unha maior flexibilidade na aplicación de axustes

Xesús Vázquez Abad explicou que as medidas desenvolvidas no que vai de lexislatura dan á nosa comunidade “a marxe de manobra que outorga ter boa parte do traballo feito”

Explicou que a Xunta non ten intención de incrementar o número de alumnos por profesor nas aulas e lembrou que o seu goberno conseguiu a mellor taxa de abandono escolar da historia

Mér, 25/04/2012 - 14:04

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe no Parlamento de Galicia que as reformas que en Galicia foron adoptadas polo departamento que dirixe no que vai de lexislatura “colocan á nosa comunidade nun escenario máis flexible, nunha situación na que, como xa se ten manifestado nesta Cámara, a Xunta non ten intención de aplicar a medida das ratios proposta polo Ministerio”. Vázquez Abad dixo que a pesares da crise se fixeron os deberes e que agora non vai ser preciso incrementar o número de alumnos por profesor como permite o decreto ministerial.

Neste sentido Vázquez Abad lembrou que o seu departamento seguiu un camiño “que significou ter que arranxar moitas das cuestións que recibimos como herdanza, ofrecer un modelo educativo diferente e sustentado en medidas cualitativas e cuantitativas que posibilitasen unha verdadeira transformación do ensino de Galicia cara un ensino que resista con calidade aos tempos que toca vivir e que, ao mesmo tempo, sexa máis moderno e innovador”. O conselleiro explicou ademais que a Consellería non renuncia ”á marxe de manobra que outorga ter boa parte do traballo feito”, pero que comparte “as visións dos que son consciente de que a situación económica fai necesario introducir importantes elementos de racionalidade e eficiencia no ensino, convencidos de que redundarán nunha mellor prestación dese servizo público”.

Novas medidas e melloras

O conselleiro fixo un repaso das liñas de actuación seguidas polo departamento que dirixe no que vai de lexislatura, entre as que fixo fincapé nas actuacións para a mellora da aprendizaxe das linguas estranxeiras – coa posta en marcha da primeira Rede de Centros Plurilingües, a reorganización das Escolas Oficiais de Idiomas, a ampliación das seccións bilingües e o cambio de modelo que permitiu ofrecer un 16% máis de bolsas para a aprendizaxe de idiomas en estadías en só tres anos-; ou a implantación real das TIC, que ten  o reto de beneficiar o vindeiro curso a máis de 44.000 alumnas e alumnos a través do Proxecto Abalar.

Vázquez Abad destacou ademais as melloras introducidas para potenciar as bibliotecas escolares, reorganizar a formación do profesorado e para ampliar a rede de Centros Integrados de Formación Profesional e aumentar a nova oferta destes ciclos, “o que ten permitido que desde a chegada deste goberno os matriculados en ciclos formativos ordinarios, de adultos e Programas de Cualificación Profesional Inicial superen os 42.000 matriculados, un 23% máis”, dixo.

A mellor taxa de abandono da historia

Na súa intervención hoxe no Parlamento o conselleiro lembrou ademais que “a este goberno tocoulle traballar para arranxar as cousas e facelos en tempos difíciles”. Neste sentido lembrou que o departamento que dirixe conseguiu que na actualidade a taxa de abandono escolar en Galicia sexa do 20,8% a máis baixa da historia, grazas á redución de 5,2 puntos porcentuais que se produciu no que vai de lexislatura,  tras o incremento producido nesta taxa durante o Bipartito, ata acadar o 26%.

Deste xeito o conselleiro destacou que “o tempo demostra que Galicia está en mellores condición que outras comunidades porque reaccionou antes e porque adoptou reformas educativas que comezan a dar os seus froitos”. “O traballo feito –engadiu- posibilita que a Xunta non teña intención de incrementar as ratios nas aulas dos centros. A nosa seguirá a ser unha das Comunidades coa ratios alumno/profesor máis baixa de España e Europa”.

Apoio escolar

Durante as súas intervencións hoxe no Parlamento de Galicia o conselleiro manifestou a súa vontade de continuar a traballar a prol da calidade do ensino, en base a unha cultura da autoavaliación. Deste xeito explicou que a realización de probas como as de Avaliación de Diagnóstico “contribúen a restar e contar con datos sobre o estado actual do  ensino”, permitindo á Consellería poñer en marcha plans de apoio e mellora.

Neste sentido salientou que os resultados destas probas avalan tano as estratexias desenvolvidas polo departamento que dirixe nas bibliotecas escolares para o fomento do hábito lector como a cultura do esforzo, “un dos valores máis defendidos por esta Consellería”. “Á vista dos resultados acadados – sinalou- o traballo persoal e diario do alumnado fóra do horario lectivo, axuda a acadar mellores resultados nas tres competencias avaliadas. Aqueles alumnos e alumnas que fan este traballo sen axuda ou coa axuda da familia son os que teñen mellores resultados”.

“Cómpre pois – engadiu-  seguir neste camiño de fomento do esforzo do alumnado, de implicación das familias, e de impulso da autoavaliación, aspectos que se reforzan con iniciativas como a dos contratos-programa”, engadiu. Así explicou que, no marco desta iniciativa de contratos-programa, 144 centros están a traballar en iniciativas centradas no reforzo,  a orientación e  o apoio; na mellora da lectura, da escritura e do cálculo;  na mellora da convivencia; na redución do abandono escolar e nos coñecementos para acadar a excelencia. “Vimos de por en marcha, tamén nesta liña, - dixo- o Plan de Iniciativas de Mellora (PIM), que está a reforzar o apoio a aqueles centros - en concreto 95 centros- que máis o precisan, naquelas áreas nas que o solicitaron”.

“É dicir, que contamos cunha ampla estratexia para apoiar ao alumnado, de tal forma que un total de 239 centros educativos galegos, é dicir, un de cada cinco, contan este curso con programas para a mellora do éxito escolar, o que significa un incremento do 52% respecto do último curso da etapa do Bipartito. Ademais apoiamos o labor dos concellos, para que tamén eles se impliquen na loita contra o fracaso e no traballo para a redución do abandono escolar, a través dunha liña de axudas de máis de 2 millóns de euros”, engadiu.

“Como ven existe avaliación, existe diagnóstico e existen medidas para que o alumnado galego poida seguir avanzando na consecución de mellores resultados”, salientou.