A Consellería de Cultura e Educación organiza mañá o acto ‘Galicia en Málaga’ para promover o audiovisual galego no Festival de cine andaluz

O conselleiro Xesús Vázquez Abad asistirá á XV edición do Festival de Málaga Cine Español para apoiar a destacada participación galega

As 17 producións galegas seleccionadas nesta edición dan boa conta da excelente calidade e talento que posúe a nosa industria cinematográfica

O Festival de Málaga é o certame máis importante para o cinema nacional

Mér, 25/04/2012 - 14:01

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, asistirá mañá á XV edición do Festival de Málaga Cine Español (FMCE), que se está a celebrar na cidade andaluza do 21 ao 28 de abril, para apoiar a promoción do audiovisual galego. Vázquez Abad presidirá o acto Galicia en Málaga, que organiza a Consellería de Cultura e Educación, para contribuír á difusión dos filmes galegos dentro Festival de Málaga, considerado como un referente de excepción para o cinema nacional.

Deste xeito, aproveitando a destacada participación dos filmes galegos no festival, a Consellería organiza o acto Galicia en Málaga, que ten como obxectivo dar a coñecer a nosa produción audiovisual ante profesionais e representantes do sector procedentes de toda España e América Latina. Asemade, está previsto que os representantes da Xunta de Galicia neste certame manteñan reunións de traballo con asociacións e entidades audiovisuais, como o Instituto Nacional da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) ou a Federación de Asociacións de Produtores Audiovisuais (FAPAE), entre outras.

Dentro do programa de actos de difusión dos filmes galegos, destacan tamén os pases de prensa para os filmes Elsexo de los Ángelese O Apóstolo, que compiten na sección oficial e que terán lugar o xoves 26 e o venres 27, respectivamente. A través deste todos estes actos de promoción e difusión, a Xunta de Galicia demostra unha vez máis o firme compromiso co cine galego, materializado tamén a través das axudas á produción que concede a Axencia Galega das Industrias Culturais, e das axudas á internacionalización do audiovisual da Consellería de Economía e Industria.

Destacada participación galega

Nesta XV edición do certame malagueño as producións galegas acaparan a programación cun total de 17 obras entre a sección oficial e de exhibición, toda unha marca de participación que reflicte a excelente calidade e talento que posúe a nosa industria cinematográfica. Das 13 películas que competirán pola Biznaga de Ouro na ‘Sección Oficial’, sobresaen tres producións galegas: El sexo de los ángeles (do veterano realizador Xavier Villaverde) e O Apóstolo, (de Fernando Cortizo, director debutante en Málaga), que competirán pola categoría de longametraxes; e Anacos (do santiagués Xacio Baño) na de curtametraxes.

Na ‘Sección Documental’ concursarán dúas longas galegas: A muller do eternauta (da produtora Frida Films) e Nacional VI (de Diplodocus Produción). Doutra banda, no apartado especial, exhibiranse os documentais Los días blancos (de José Manuel Mouriño) e Brasil somos nós(do director Robert Bellsolá, que ademais está protagonizado polo músico Carlos Núñez).

Na nova sección específica de animación, ‘Animazine’, competirán 7 producións galegas: a  longametraxe Holy Night - Noche de ¿paz? (de Juan Galiñanes), cuxa proxección suporá ademais a súa estrea mundial; e as curtas Birdboy (de Alberto Vázquez), galardoada co Goya á mellor curta de animación; El clubdel bromista (do Estudio Luis Usón); O xigante (de Abano Producións); Rascayú (de Otii Planet); O Sapateiro e Vicenta (ambas de IB Cinema).

Na sección especial de ‘La cosecha del año’ exhibirase o filme de animación Arrugas (da produtora coruñesa Perro Verde), galardoada con dous premios Goya. Ademais, no apartado ‘Cine para la infancia: animación’, proxectarase outra película de produción galega: Copito de nieve. O filme galego Celda 211 (de Daniel Monzón) exhibirase na sección ‘Homenajes: Premio Ricardo Franco-Academia de Cine. Roque Baños’.

A animación cobra protagonismo

Este ano o festival organiza seccións paralelas especiais, como ‘Animazine’, un novo apartado dedicado á animación, que nace coa colaboración do FestivalconDiboos (Federación Española de Asociaciones de Productoras de Animación), debido ao gran momento que está a experimentar este xénero en España. Un bo exemplo da auxe da animación son as recentemente galardoadas producións galegas Arrugas e Birdboy, que este ano recibiron tres premios Goya, ademais de importantes recoñecementos a nivel nacional e internacional. Doutra banda, destaca a inclusión por primeira vez entre as longametraxes a concurso, dun filme deste xénero, O Apóstolo, da tamén produtora galega Artefacto Producciones.

A cita máis importante para o celuloide español

O Festival de Málaga supón a mostra máis importante para o cinema nacional na que, ademais de proxectarse os filmes españois máis relevantes do ano, tamén se premia ás mellores producións, celébranse debates e encontros nos que se trata a situación actual do sector, así como clases maxistrais e outras actividades, co obxectivo de difundir e promocionar a cinematografía española.

Asemade, abriuse unha colaboración especial co prestixioso Festival des Films du Monde de Montreal (Canadá), clasificado como tipo A (categoría á que pertencen Cannes, Berlín, Venecia ou San Sebastián), pola que a edición deste ano ábrese á industria cinematográfica internacional, traendo a Málaga unha selección dos mellores filmes da última edición canadense.

Menús News node R

Tema