Cultura e Educación procederá a adxudicación da redacción do proxecto básico e de execución do novo CEIP de Nos, na Coruña

O secretario xeral técnico da Consellería reunirase mañá co alcalde de Oleiros para informalo sobre os avances no relativo ao futuro centro escolar

Mér, 25/04/2012 - 11:55

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria procederá esta semana á adxudicación da redacción do proxecto básico e de execución para a construción do novo CEIP da parroquia de Nos, en Oleiros. O novo centro suporá a creación de 6 unidades de educación infantil e 12 unidades de educación primaria.

O secretario xeral técnico da Consellería manterá mañá un encontro co alcalde do concello de Oleiros no que lle dará a coñecer as actuacións administrativas realizadas ata o momento. Ao mesmo tempo que lle recordará que esta fase de licitación do proxecto ten destinado un orzamento máximo de 106.517,02 euros.

Cómpre recordar que 25 empresas licitadoras presentaron as súas ofertas para a participación na licitación da adxudicación do contrato de redacción do proxecto básico e de execución.

Continuando co proceso legalmente establecido, desde o momento no que se proceda a formalización do contrato coa empresa que resulte adxudicataria é no prazo ofertado polo mesmo, que non será superior a dous meses, deberá procederse por parte dos redactores do proxecto á entrega dos exemplares requiridos que posteriormente serán obxecto de comprobación pola Unidade de Supervisión de Proxectos da Consellería, aos efectos da súa supervisión e posterior aprobación técnica polo órgano de contratación.

O obxectivo é poder licitar as obras no segundo semestre do ano 2012 e a continuación iniciar o proceso de construción do centro educativo que dea resposta ás necesidades de escolarización do concello de Oleiros.

Deste xeito o departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad volve a dar conta das súas accións de cara a cumprir cos compromisos adquiridos coa comunidade educativa, e deste xeito- a pesares da grave crise económica- dar resposta as demandas da mesma.

Menús News node R