A Xunta e a USC apostan por ampliar a oferta de docencia clínica para garantir a máxima calidade da formación aos 1.500 estudantes de Medicina que realizarán prácticas de modo simultáneo
A partir do mes de maio, un grupo de traballo planificará a docencia práctica do alumnado de 5º nos hospitais de Vigo e da Coruña desde o curso 2026-2027
Gómez Caamaño subliña que este proceso busca fortalecer a oferta formativa e optimizar o potencial que ten a sanidade pública galega nos seus hospitais
A Xunta e a USC concordan na oportunidade de aproveitar ao máximo o talento humano e os recursos materiais que ofrece todo o Servizo Galego de Saúde, mantendo unha única facultade de Medicina en Santiago de Compostela
Acordan ir dando os pasos necesarios, de xeito dialogado con todos os axentes implicados, para avanzar cara a un modelo de optimización da docencia clínica de Medicina que se realice de xeito transparente, ordenado e consensuado
A Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela apostan por ampliar a oferta de docencia clínica para garantir a máxima calidade da formación aos máis de 1.500 estudantes de Medicina que realizarán prácticas de xeito simultáneo.
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez González, reuníronse esta mañá co reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e co decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Julián Álvarez Escudero. Á xuntanza asistiron, tamén o director xeral de Universidades, José Alberto Díez, e o xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada.
Nas súas declaracións ao remate da reunión, o conselleiro de Sanidade adiantou que a partir de maio, en canto se renove o equipo do decanato do grao de Medicina, un grupo de traballo planificará o inicio da impartición da docencia clínica en dous hospitais públicos universitarios de alto nivel, como son os da Coruña e de Vigo.
A previsión, segundo destacou, é que o alumnado de 5º curso poida realizar as prácticas clínicas no curso 2026-2027, ademais de no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela ou en centros de saúde, tamén nos Complexos Hospitalarios Universitarios da Coruña ou de Vigo.
A Xunta e a USC coinciden na necesidade de avanzar no desenvolvemento do acordo para a impartición da docencia clínica de Medicina asinado no ano 2015 coas universidades da Coruña e de Vigo co obxectivo de aproveitar ao máximo as capacidades do sistema sanitario galego e a ofrecer a mellor formación ao alumnado de Medicina.
A tal efecto, o Executivo galego e a universidade compostelá concordan na oportunidade de aproveitar ao máximo o talento humano e os recursos materiais que ofrece todo o Servizo Galego de Saúde, mantendo unha única facultade de Medicina en Santiago de Compostela.
Transparente, ordenado e consensuado
Na xuntanza desta mañá, Xunta e Universidade de Santiago de Compostela acordaron ir dando os pasos necesarios, de xeito dialogado con todos os axentes implicados, para avanzar cara a un modelo de optimización da docencia clínica de Medicina que se desenvolverá de xeito transparente, ordenado e consensuado con todos os axentes implicados.
O obxectivo é acadar a optimización da oferta formativa e o mellor aproveitamento do potencial que ten a sanidade pública galega nos seus hospitais.
Tamén se pretende optimizar os recursos existentes para acadar unha distribución máis eficiente da aprendizaxe e ofrecer unha formación de excelencia aos futuros médicos que se están a formar na nosa comunidade.
Gómez Caamaño subliñou o notable incremento de estudantes que experimentou a Facultade de Medicina nos últimos anos. Explicou que desde o curso 2022-2023, inician cada anos os seus estudos 403 novos alumnos. Isto significa que pronto haberá máis de 1.500 futuros médicos realizando prácticas clínicas de xeito simultáneo, de aí a importancia de avanzar no proceso de optimización da docencia clínica para garantir a mellor formación dos alumnos de Medicina.