Rueda celebra o acordo entre Galicia e Andalucía para o intercambio de experiencias de éxito en materia educativa

Asegura que esta colaboración se enmarca no obxectivo común de “ofrecer unha educación excelente” á cidadanía e garantir “unha sociedade próspera”

A Junta de Andalucía ofrecerá acceso ao software SÉNECA, que permitirá axilizar a administración educativa dos centros

Galicia compartirá actuacións vencelladas ao seu modelo de FP, especialmente o labor desenvolto no Centro Galego de Innovación na FP Eduardo Barreiros

Resalta que Galicia logrou “duplicar a matrícula en FP” en dez anos, ofrece a atención educativa de 0 a 3 anos totalmente de balde e este curso tamén incorporou a matrícula gratuíta para os universitarios

Mar, 18/03/2025 - 17:03
Andalucía

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe co seu homólogo andaluz, Juan Manuel Moreno Bonilla, na sinatura dun convenio de colaboración en materia educativa entres as dúas Comunidades.  Trátase dun acordo para o intercambio de experiencias de éxito dentro dos respectivos sistemas formativos que Rueda enmarca no obxectivo de ambas rexións por ofrecer “unha educación excelente” á cidadanía. 

Durante a súa intervención, o presidente galego lembrou que “unha sociedade próspera” parte sempre “dunha educación de calidade” e salientou “a oportunidade” para seguir avanzando no eido educativo que ofrece o convenio hoxe asinado entre Galicia e Andalucía.

Tal e como explicou, por unha banda, a Junta de Andalucía facilitará a Galicia o software SÉNECA, unha tecnoloxía deseñada para a xestión dos centros de ensino que axiliza o intercambio de información entre a Administración educativa e os propios centros, optimizando así tanto a xestión académica como a económica de cada comunidade educativa. “Trátase dun instrumento punteiro adaptado á educación”, indicou Rueda.

O software SÉNECA inclúe un alto grao de parametrización tanto para procesos cotiás como para a estrutura da información, conferindo así un alto grao de flexibilidade que permite unha implantación sinxela noutras Administracións educativas, como é o caso da galega. 

No referido a Galicia, a Xunta ofrecerá a Andalucía acceso á actividade do Centro Galego da Innovación da Formación Profesional Eduardo Barreiros, sito en Ourense, para coñecer de primeira man os distintos programas de investigación e emprendemento levados a cabo neste, ademais de coñecer a realidade da FP galega, modelo de éxito tanto por inserción como por desenvolvemento. 

Nesta liña, Rueda lembrou que Galicia “duplicou a matrícula en FP en dez anos” e salientou o importante labor deste centro ourensán no que se aposta por un sistema de FP “innovador, práctico e adaptado ás necesidades do mercado laboral”.

Ademais, por outra banda, o presidente galego lembrou que Galicia leva tres anos ofrecendo a atención educativa de 0 a 3 anos totalmente de balde nas escolas infantís e que este curso aplicouse tamén a gratuidade da matrícula para os universitarios.