O Instituto de Cacheiras afonda na súa internacionalización cun programa de intercambios con Noruega impulsado pola Xunta
O obxectivo é favorecer a igualdade de oportunidades no ensino, promovendo a mobilidade de docentes e estudantes, así como a aprendizaxe de linguas
Estas experiencias contribúen tamén a difundir o éxito do modelo educativo galego
A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou hoxe o Instituto IES de Cacheiras, onde se reuniu con dous docentes procedentes de Noruega que están a participar nun programa de intercambio con este centro de Teo. O obxectivo é impulsa a internacionalización dos centros galegos, favorecendo tamén a aprendizaxe de linguas estranxeiras, tanto polo alumnado como polo profesorado, no marco da estratexia Edulingüe 2030.
Tal e como explicou a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, a Xunta de Galicia está a impulsar este tipo de intercambios “co obxectivo de favorecer a igualdade de oportunidades na comunidade educativa galega, impulsando a mobilidade internacional de docentes e estudantes”. Así mesmo explicou que estas experiencias “contribúen a difundir o éxito do modelo educativo galego fóra das nosas fronteiras”.
Neste marco, o IES de Cacheiras recibe estes dias ao asesor docente Guillaume Jagle e a Andy Duran, profesor do centro de Secundaria Roald Amundsen, ambos procedentes da rexión de Akershus (Noruega). Tamén está previsto un intercambio de alumnos entre os dous países.
Esta iniciativa enmárcase no programa Galemundo, a través do que a Xunta facilitará que 7.000 estudantes e docentes se formen este curso no estranxeiro grazas a un investimento de máis de 15M€.