A Xunta convoca os Premios Ángela Ruiz Robles para recoñecer os mellores expedientes universitarios
Outórganse aos mellores estudantes de grao en cada curso e centro, agás os do derradeiro ano, que poden optar aos Premios Fin de Carreira
Cada galardoado recibe unha bolsa de 1.100€ e un diploma acreditativo da distinción
A Xunta de Galicia ten aberta a convocatoria dos Premios Ángela Ruiz Robles á excelencia académica para recoñecer os mellores expedientes entre os universitarios que estudan en Galicia. A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destina case 630.000€ para premiar aos mellores alumnos do ano académico 2023/24 de cada un dos cursos das titulacións de grao en cada un dos centros en que se imparten, agás o derradeiro ano, pois para eles xa están previstos aos Premios Fin de carreira da Xunta como remate dos estudos.
Para optar ao recoñecemento, o alumnado debe ter no curso 2023/24 unha nota media igual ou superior a oito puntos e ter superado a totalidade dos créditos matriculados, que como mínimo serán 60. Tamén continuar no mesmo grao no curso actual 24/25. Os premios outórganse de oficio por proposta das universidades, que publicarán nas súas webs a relación do alumnado seleccionado de acordo cos requisitos establecidos.
Cada premiado recibirá unha bolsa de 1.100 euros e un diploma acreditativo. No caso de existir remanente, os galardoados cunha nota media igual ou superior a nove recibirán un complemento de 500 euros, comezando polos expedientes con maior nota media.
Referente no ensino innovador
Os galardóns reciben o nome de Ángela Ruiz Robles, mestra e exemplo de valores como o esforzo, o tesón, a excelencia, a continua aprendizaxe e a vocación de servizo. Ademais, en 1949 inventou e rexistrou a patente do que é o antecedente do libro electrónico.
Nada no ano 1895 en Villamanín (León), Ángela Ruiz Robles trasladouse en 1918 a Ferrol. Foi docente e directora de varias escolas, como a de nenas no Hospicio de Ferrol ou o Instituto Ibáñez Martín. Así mesmo, fundou a Academia Elmaca na que desenvolveu un labor pedagóxico e social que lle valeu a concesión en 1947 da Cruz de Alfonso X o Sabio, por accións como impartir clases nocturnas gratuítas ás persoas con poucos recursos. Foi pioneira, ademais, coa invención dunha enciclopedia mecánica, cuxa patente rexistrou en 1949, e que está considerada o antecedente do libro electrónico.